Friday 22 de November de 2024

A Xunta investirá máis de 335.000 euros na ampliación do aparcadoiro do Hospital Teresa Herrera da Coruña


― A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitará a próxima semana as obras desta nova actuación no centro hospitalario, que permitirá incrementar o espazo de de aparcadoiro, poñendo á disposición dos usuarios 31 prazas ordenadas

― Habilitarase unha vía perimetral que favorecerá unha circulación en anel bordeando o novo aparcadoiro e conectando co camiño de Xubias de Abaixo

― Modificarase un dos actuais accesos ao centro hospitalario para mellorar a ordenación do tráfico, dotándoo dunha configuración similar ao dunha rotonda

― Os traballos súmanse aos executados o pasado ano neste hospital e na Lavandería do Sergas para a mellora dos accesos, que supuxeron un investimento de 195.000 €

A Xunta investirá máis de 335.000 euros na ampliación do aparcadoiro do Hospital Teresa Herrera (Materno-Infantil) da Coruña.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitará a próxima semana as obras desta nova actuación no centro hospitalario coruñés, que permitirá incrementar o número de espazos de estacionamento, poñendo á disposición dos usuarios 31 prazas de perfectamente ordenadas.

A intervención proxectada polo departamento de Infraestruturas da Xunta permitirá o acondicionamento dunha zona situada na parte traseira do hospital Teresa Herrera onde se atopan antigos depósitos e balsas de augas residuais.

Os traballos previstos, unha vez preparada a superficie, centraranse en habilitar dous espazos para aparcadoiros, con 15 e 16 prazas, respectivamente. Na actualidade, un destes espazos, aínda que sen urbanizar, xa se usa para o estacionamento. No outro habilitaranse novas prazas á disposición do hospital. Estas 31 prazas viranse sumar ás 53 habilitadas nunha actuación anterior, levada a cabo o pasado ano.

Adicionalmente, habilitarase un viario perimetral, que permitirá realizar unha circulación en anel bordeando os novos aparcadoiros, conectando co camiño de Xubias de Abaixo, que se ampliará na zona máis próxima á actuación.

Paralelamente, modificarase un dos actuais accesos ao hospital Teresa Herrera para mellorar a ordenación do tráfico, dotándoo dunha configuración tipo rotonda.

Estes traballos véñense a sumar aos xa executados na contorna do hospital Teresa Herrera e na Lavandería do Sergas o pasado ano, cunha achega autonómica de máis de 195.000 euros. As obras permitiron a renovación do firme da vía que rodea o hospital en todo o seu percorrido e habilitar 53 prazas de aparcadoiro para dar servizo a pacientes e persoal sanitario.

Os traballos realizáronse no marco dun contrato maior, de mellora dos accesos dos hospitais públicos da provincia da Coruña, que supuxo un investimento da Xunta de 1 millón de euros e que incluíu actuacións nos centros de Ferrol, do Barbanza, de Cee e de Santiago de Compostela.