Saturday 16 de November de 2024

O Concello retoma o traballo de cara a elaboración do Plan Xeral de Ordenación Municipal


• O goberno local fixou unha reunión cos redactores do proxecto a vindeira semana para analizar a situación actual e avanzar “de xeito definitivo para paliar un problema que estivo aparcado nos últimos dous anos”, segundo explicou o alcalde, Eduardo Parga.

O Concello de Malpica retoma o traballo de cara a elaboración do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), un proxecto cuxa concreción quere priorizar de xeito inmediato o goberno local.

Segundo explicou o alcalde e concelleiro de Urbanismo, Eduardo Parga, está fixada unha reunión cos redactores do PXOM co obxectivo de coñecer cal é o estado actual do plan e avanzar “de xeito definitivo para paliar un problema que estivo aparcado nos últimos dous anos”.

“Cremos que Malpica debe de contar urxentemente cun Plan Xeral co que poder resolver a multitude de problemas xudiciais e urbanísticos que se están a acumular co paso dos anos”, engadiu o rexedor.

Neste sentido, Parga apostou por “tomar un novo rumbo” nas políticas municipais “que se levaban practicando desde o 2019, coa entrada dun grupo de goberno que abandonou totalmente o esforzo e traballo que se fixera ata aquel momento para sacar adiante un documento básico para unha Administración local”.

Novo organigrama

Lembramos que o Concello de Malpica aprobou na sesión plenaria do xoves, 30 de setembro, o seu novo organigrama de goberno. Con sete Concellerías definidas e co obxectivo de medrar no ámbito económico e social, o goberno local encara agora unha fase construtiva e de acción.