Friday 22 de November de 2024

A Xunta promove a cociña autóctona e sostible no Camiño para promocionar a gastronomía e so produtos galegos entre peregrinos e turistas


— A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asistiu en Vilanova de Arousa ao lanzamento da campaña “Écociña no Camiño”, que busca visibilizar prácticas sustentables da hostalería nas rutas xacobeas

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asistiu hoxe en Vilanova de Arousa ao lanzamento da campaña Écociña no Camiño, unha iniciativa que busca visibilizar prácticas sustentables da hostalería no Camiño de Santiago e que promove a cociña autóctona e sostible para promocionar a gastronomía propia e os produtos galegos entre peregrinos e turistas.

Autoridades, restauradores e blogueiros especializados en gastronomía asistiron no porto de Vilanova a unha demostración culinaria con receitas propias e produtos da ría a cargo dos cociñeiros do Restaurante Derby (Vilagarcía), do Hotel Restaurante Alte Frankfurt (Vilanova) e de Gastrolab Arousa.

Foi a primeira dunha serie de presentacións en diferentes puntos das rutas xacobeas nas que, ademais de degustar produtos da zona elaborados por cociñeiros do lugar, farase un labor pedagóxico sobre as vantaxes da cesta da compra de proximidade e o compromiso coa sustentabilidade, complementado a formación recibida polos restauradores.

Máis dun cento de restaurantes espallados polas diferentes rutas do Camiño participan nesta campaña impulsada por Turismo de Galicia, unha iniciativa á que se sumaron tamén as prazas de abastos coa súa oferta de produtos de proximidade.

Nava Castro animou aos restauradores a apostar pola cociña autóctona e polos produtos galegos de temporada porque “o Camiño é o mellor escaparate de Galicia e nel tempos que ofrecer o mellor de nós mesmos”, asegurou. A directora de Turismo de Galicia incidiu na importancia que o boca a boca ten na promoción do Camiño, de aí a necesidade de ofrecer ao peregrino unha boa mesa repleta do mellor das terras e dos mares de Galicia para recuperar forzas logo de cubrir cada etapa do Camiño.

Ao evento de Vilanova de Arousa seguirán dúas accións máis en Muxía e na Ribeira Sacra, ademais dunha semana de accións no Camiño con degustacións gratuítas para os peregrinos e actividades abertas ao público nas prazas de abastos.

A iniciativa coincide coa plena recuperación do Camiño trala pandemia, coa chegada de máis de 135.000 peregrinos no que vai de ano e as boas expectativas que se abren de cara ao 2022, que tamén será Ano Santo e no que continuará o Xacobeo.
Os bos datos no Camiño reflíctense tamén no balance do verán en Galicia, no que a comunidade situouse á cabeza da recuperación turística en España. De feito, Galicia acadou no mes de agosto un 80% máis de ocupación que o ano pasado e situouse 27 puntos por riba da medida estatal respecto a 2019.