• O candidato visitou hoxe Malpica e Cee xusto no día no que se cumpren 90 anos desde que as mulleres poden votar en España.
• Destacou que “o partido socialista conta con figuras chave á fronte das institucións como Inés Rey, Carmela Silva ou Lara Méndez, así como as alcaldesas de Cee, Vimianzo e Camariñas na Costa da Morte”.
• “Os grandes avances da igualdade e o feminismo viñeron sempre da man do Partido Socialista” e “grazas a este partido as mulleres gañaron un dereito que a sociedade lles tiña vetado”, incidiu.
Valentín González Formoso arrincou hoxe, venres 1 de outubro, en Malpica e Cee a “caravana da ilusión” que, despois de presentar onte en As Pontes a súa candidatura á Secretaría Xeral do PSdeG-PSOE, o levará a todos os recunchos de Galicia para presentar o seu modelo de partido, que “aposta por poñer en valor todo o talento feminino que ten o Partido Socialista, tampouco nisto nos podemos resignar a outro modelo”.
“Hoxe é un día para celebrar, cúmprense 90 anos desde que as mulleres poden votar neste país”, destacou González Formoso, que lembrou que “dos 161 votos cos que en 1931 se aprobou o dereito ao sufraxio feminino, 84, máis da metade, foron votos socialistas”.
O candidato quixo facer fincapé en que “os grandes avances da igualdade e o feminismo viñeron sempre da man do Partido Socialista” e “grazas a este partido as mulleres gañaron un dereito que a sociedade lles tiña vetado. Hoxe as socialistas ocupan 23 alcaldías en Galicia, algunhas tan importantes como as da Coruña e Lugo, con Inés Rey e Lara Méndez. Hoxe á fronte da Deputación de Pontevedra está a compañeira Carmela Silva”.
Nesta xornada tan sinalada quixo visitar unha comarca que “é un exemplo para Galicia, na que tres das alcaldías coas que conta este partido as ostentan alcaldesas, con Sandra Insua en Camariñas, Margarita Lamela en Cee e Mónica Rodríguez en Vimianzo. Todas mulleres fortes, capaces e con talento”.
Acompañado dos militantes de diferentes agrupacións socialistas da Costa da Morte, González Formoso explicou que “os socialistas estamos a dar exemplo tamén nesta comarca do que somos capaces, do que defendemos. Temos que ser capaces de aproveitar todo ese talento, toda esa capacidade de liderazgo, temos que ser capaces de poñer en valor todo ese talento feminino do Partido Socialista”.