Friday 22 de November de 2024

O Concello de Padrón pon en marcha nos colexios unha campaña sobre hábitos de nutrición saudable que tamén promove o consumo no comercio local


Un total de 19 establecementos comerciais de Padrón ofrecerán un 10% de desconto aos nenos e nenas que demostren un maior aproveitamento do programa educativo

O Concello de Padrón vén de poñer en marcha un programa educativo para promover unha alimentación e hábitos de nutrición saudables entre os nenos e nenas de 1º a 6º de Primaria do CEIP Flavia e no CEIP Rosalía de Castro. O programa arrincou esta semana nos dous centros escolares padroneses a través de sesións educativas que inclúen xogos, adiviñas e concursos. O alumnado mellor puntuado neses concursos recibirá unha pulseira coa que terá dereito a un desconto dun 10% das súas compras nos 19 establecementos locais que se sumaron ao proxecto e que están identificados co cartel “Sana el Hoy, vive el mañana”.

“Dende o Concello queremos agradecer a colaboración dos colexios, así como a participación destes 19 establecementos comerciais do noso municipio por sumarse unha iniciativa coa que buscamos promover unhas condutas saudables e sostibles nos nosos nenos e nenas”, explica Lorena Couso, concelleira de Cultura. Neste sentido, agarda que “estas pulseiras desconto sirvan non só para promover o consumo no comercio local, senón para que as nosas crianzas substitúan as bebidas azucaradas e as graxas saturadas, presentes tanto na bolería industrial coma nos snacks, por alimentos sas e saudables coma froitas ou verduras”.

Os 19 establecementos participantes son: A tenda de María, Peluquería-Barbería A de Aarón, Calzados Noya, Elefantes e Castelos, Bianco Kids, Berma, Librería Sar, Vicente Domínguez Fotógrafo, Soletes Zapatería, Camden Town, Joyería Cortiñas, Sweet Sytle, O Liño, Óptica Afflelou, Almacenes Eladio, Deportes Estornela, Toysa, Jugueterías Tatino e Peluquería Karol.

O sobrepeso e a obesidade infantil, xunto con enfermidades conexas como a diabetes ou enfermidades cardiovasculares, son uns dos problemas de saúde pública máis graves do século XXI. Unha boa alimentación e hábitos de vida saudables como os que está poñendo en marcha o Concello de Padrón axudarán a previr e protexer aos nenos e nenas de Primaria deste tipo de enfermidades.