Encarnación Rivas subliña que Galicia conta cunha Lei de ordenación do territorio coa que tamén se pretende mellorar a coordinación territorial e evitar cargas administrativas innecesarias
A directora xeral de Ordenación do Territorio, Encarnación Rivas, lembrou que a ordenación e planificación urbanística en Galicia é hoxe máis áxil e simple, ao tempo que axuda a mellorar a coordinación territorial e evita os posibles desequilibrios.
A directora xeral foi a encargada de abrir o ciclo de conferencias O novo marco normativo en Galicia, organizado pola Escola de Arquitectura Técnica da Universidade da Coruña e onde abordou a Lei de ordenación do territorio, que entrou en vigor a comezos deste ano.
Encarnación Rivas subliñou que, na senda que iniciou a Lei do solo e o seu regulamento, se apostou por unha simplificación administrativa, tanto do número de figuras coma do procedemento da súa tramitación.
Así mesmo, salientou que o criterio da axilidade acadouse ao establecer un único procedemento de tramitación para todos os instrumentos de ordenación do territorio, diferenciando entre os que se someten a avaliación ambiental estratéxica ordinaria ou simplificada, no canto de regular un procedemento por cada un dos instrumentos como se facía anteriormente.
Por último, trasladou ao futuros arquitectos que todas estas cuestións camiñan cara á aplicación do principio de eficiencia, co fin de evitar cargas administrativas innecesarias ou accesorias, ao tempo que se racionalizan os recursos públicos que interveñen nos procedementos administrativos.