A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, inaugurou esta mañá no Centro Ágora a xornada “Cen anos sen soidade” organizada por Cruz Vermella. Esta iniciativa enmárcase no programa de acompañamento de maiores que leva a cabo o Concello en colaboración de Cruz Vermella cun orzamento de 718.000 euros anuais.
Neira destacou que un dos eixes fundamentais da acción de Goberno de Inés Rey son as políticas de benestar social, “desde o inicio da lexislatura traballamos para reforzar a Oficina Municipal de Maiores e Dependencia da Coruña, e poder optimizar os programas destinados á poboación maior”, sinalou. Neste senso, lembrou que o Concello foi pioneiro na posta en marcha de iniciativas como o programa de actividades socioculturais nos centros cívicos, cun orzamento dun millón de euros, ou o servizo de axuda a domicilio, operativo desde antes mesmo da existencia da Lei de Dependencia, que xunto co servizo de teleasistencia, conta cun orzamento de preto do millón de euros. Ademais a edil amosouse moi satisfeita co funcionamento do programa do Talón Restaurante como unha importante medida de socialización e alimentación sa e para o que se destinan na actualidade 600.000 € anuais.