― A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a comisaria do Xacobeo 21-22, Cecilia Pereira, foron as encargadas de inaugurar a iniciativa, que forma parte da programación do Xacobeo 21-22
― O Centro Galego de Arte Contemporánea acolle ata o domingo estas xornadas nas que se dan cita 11 destacados artistas internacionais vencellados con esta disciplina artística
Debuxo e viaxe protagonizan desde hoxe e ata o domingo a programación do Xacobeo 21-22 coa celebración en Santiago de Compostela dos Encontros Historias dos Cadernos de Viaxe, no que participan 11 destacados artistas plásticos de impacto internacional que se dan cita por vez primeira en Galicia.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, foi a encargada de inaugurar os encontros, que teñen como obxectivo afondar nesta disciplina artística que, con motivo da celebración do Ano Santo, vencéllase de xeito especial ao Camiño de Santiago. Castro destacou o feito de que Galicia acolla este encontro internacional, que serve para afondar “nun arte tan presente nas guías e publicación relacionadas coas viaxes desde perspectiva artística” ao tempo en que puxo en valor os obradoiros de debuxo que ao longo desta fin de semana se van desenvolver nas rúas e prazas de Santiago de Compostela, o que permitirá ao público achegarse a esta arte no marco destes encontros.
De feito, estes Encontros serven para rematar un proxecto que comezaba en agosto, cando dúas das cadernistas que participan nesta experiencia, Roisín Curé e Maru Godás, fixeron o Camiño Inglés nunha experiencia entre o físico e o virtual ao longo dunha semana, gravando e retransmitindo en directo polas redes sociais unha serie de vídeos dos debuxos que realizaron en distintos lugares desta ruta xacobea.
Obradoiros e relatorios
Ao longo destas tres xornadas, o Centro Galego de Arte Contemporánea acollerá relatorios a cargo dos artistas plásticos convidados, así como presentacións e obradoiros que se desenvolverán na Alameda, na contorna do CGAC, praza de Praterías ou Monte do Gozo.
O fundador da comunidade de debuxantes internacionais, Urban Sketchers, Gabriel Campanario; a responsable dunha das coleccións de cadernos de viaxe máis importantes do mundo, a de Louis Vuitton, a artista xaponesa Natsko Seki; o ilustrador francés Tazab; a confundadora do Rendez-vous du Carnet de Voyage de Clermont-Ferrand, Pierrette Viel; Juliet Pomés Leiz e Mireia Trius, responsable dos Quaderns de viatge do Concello de Barcelona son algúns dos convidados.
Pecha a listaxe de participantes a portuguesa Ana Luisa Frazão, o deseñador Luís Simões e o gaditano Joaquin González Dorao, que se encargarán de impartir obradoiros nos seus recantos favoritos de Santiago, cidade da que son grandes coñecedores, ademais de Curé e Godás, que farán balance da súa experiencia O Debuxo no Camiño.