O teatro cine Elma será escenario no mes de outubro de novas actividades focalizadas na dinamización lingüística que chegan a través da Rede da Dinamización Lingüística da Xunta (RDL), á cal pertence o Concello da Pobra do Caramiñal mediante a Concellaría da Normalización Lingüística, da cal é titular o edil Xabier Santos (BNG).
A Asociación Cultural Folclórica O Fiadeiro traerá no 10 de outubro, ás 19.00 horas, o espectáculo Baile e música no Camiño, co cal dar visibilidade ó folclore galego, ademais de contribuír a dinamiza-lo uso da lingua galega. Contarase cun grupo de baile, pandeireteiros e pandeireteiras e charanga. Buscan, polo tanto, transferir ó escenario as músicas, cantares e danzas tradicionais, dotando cada escena integrante dun grao didáctico e vinculando cada unha das partes escénicas ós usos e costumes tradicionais do pobo galego en cada época.
Así mesmo, no 31 de outubro, ás 19.00 horas, representarase sobre as táboas do Elma a función teatral Invisibles, da compañía Redrum Teatro. Trátase dunha adaptación do libro homónimo da xornalista Montse Fajardo que relata casos reais de violencia de xénero sufridos por sete mulleres galegas. O elenco está composto polas actrices Mela Casal, Sheyla Fariña e Neves Rodríguez, baixo a dirección de Marián Bañobre. Conta con varias distincións e galardóns, como o premio Luísa Villalta a proxectos de Igualdade da Deputación da Coruña ou os María Casares á Mellor Dirección, á Mellor Adaptación e á Mellor Iluminación. Adscríbese ó programa FalaRedes 2021, da Secretaría Xeral da Política Lingüística.
As actividades son de balde e as persoas interesadas en asistiren deberán formaliza-la súa reserva a través do 685571058, indicando o nome, os apelidos e o teléfono de contacto. Seguiranse as medidas implantadas por mor da COVID-19.