Friday 22 de November de 2024

A Xunta agradece a ONCE Galicia o seu esforzo por “sinalar o camiño cara un mundo de ilusión” e de integración das persoas con discapacidade


— Fabiola García recibiu o Premio Solidario Once Galicia na categoría de institución pública, e sinalou que o Goberno galego seguirá traballando da man das entidades por unha sociedade mellor

A Xunta agradeceu a Once Galicia o seu esforzo por “sinalar o camiño cara un mundo de ilusión” e de integración das persoas con discapacidade. O vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, acompañado da conselleira de Política Social, Fabiola García, e outros membros do Executivo autonómico asistiu esta tarde á gala de entrega dos galardóns que esta entidade concede a diferentes persoas polo seu traballo a favor da inclusión.

A conselleira de Política Social recibiu o premio na categoría de institución pública, e agradeceu a Once Galicia que sexa un aliado fundamental na loita polos dereitos das persoas con discapacidade. Neste sentido, apuntou que o Goberno galego seguirá traballando da súa man ofrecéndolle todas as ferramentas á súa disposición para facer de Galicia un mellor lugar no que vivir.
Neste sentido, o vicepresidente económico tamén quixo poñer en valor o traballo levado a cabo por Once Galicia na atención, os coidados e a integración das persoas con discapacidade para axudar no obxectivo común de facer unha Galicia máis inclusiva.

Conde, que enxalzou o labor realizado durante a pandemia desde o ámbito da sanidade e a atención a colectivos vulnerables, quixo ter un recoñecemento especial para os traballadores e traballadoras do comercio esencial, premiados na categoría de Empresa Solidaria nestes galardóns. Así, destacou o compromiso das tendas de barrio, do sector da alimentación e de numerosas empresas da cadea de distribución.