• Ambas alcaldesas visitaron a localidade, na que se reuniron co seu homólogo, Damien Chappuis.
• Ata Suíza se desprazaron tamén o tenente de alcaldesa de Vimianzo, Víctor Muíño, e a concelleira de Servizos Sociais do Concello de Camariñas, Begoña Tajes.
O Concello de Vimianzo e o Concello de Camariñas xa son oficialmente vilas irmandadas coa suiza Delémont, capital do cantón de Jura. Ambas alcaldesas visitaron a localidade, e esta mesma tarde se reuniron co seu homólogo, Damiel Chappuis. Ata Suíza se desprazaron tamén o tenente de alcaldesa do Concello de Vimianzo, Víctor Muíño, e a concelleira de Servizos Sociais do Concello de Camariñas, Begoña Tajes.
Nesta zona, precisamente, residen centenares de persoas con pasado na Costa da Morte, feito que propiciou que estas tres localidades queden vencelladas desde hoxe e para sempre.
“Os vínculos con Camariñas e Vimianzo son sobre todo humanos! Dende 1960 os galegos abandonaron por causas económicas a súa terra natal para aterrar no Jura, e na actualidade preto de 350 veciñas e veciñas da serra son galegos, a maioría vencellados e vencelladas directamente con Camariñas e Vimianzo”, proclamaba Chappuis.
A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, remarcou que “é un auténtico orgullo, e máis logo de pasar todo o que pasamos, tender pontes cunha sociedade tan similar á nosa e con tanta influencia galega”, sinalaba, á vez que aludía a que “un dos nosos obxectivos prioritarios á hora de facer política ten que ser a de unir, a de fomentar a convivencia e de facer fogar aló por onde imos”.
Sandra Insua, pola súa banda, subliñou a “relevancia deste acontecemento”, á vez que sinalou que “desde Camariñas, Vimianzo e toda a Costa da Morte a nosa porta estará sempre aberta de cara o futuro, máis esperanzador hoxe ca nunca”.