Friday 22 de November de 2024

A Pobra incentiva o aproveitamento de excedentes agrarios


O Concello da Pobra do Caramiñal pon en marcha un proxecto de aproveitamento de excedentes agrarios, que tamén redunda na posta en valor das verduras, hortalizas e legumes que a veciñanza do municipio cultiva nas súas hortas, ao tempo que se achegan eses produtos ao mercado dun xeito sinxelo. Baixo esta premisa, estará a disposición das persoas produtoras a páxina web DEANshop coa finalidade de que poidan vender directamente os seus excedentes agrarios.

A concelleira da Promoción Económica, Charo Varela (Nós Pobra), enumerou os obxectivos desta proposta, entre os que se atopan, poñer en valor a produción agrícola das pequenas explotacións do concello; fomentar o consumo de alimentos de calidade e de proximidade (quilómetro 0); xerar actividade económica a partir dos produtos de tempada; dinamizar o comercio local, neste caso, a través dunha plataforma dixital; fomentar a actividade agraria; e promover un estilo de vida saudable e sostible.

Segundo indicou a técnica municipal, Sara Sánchez, no 5 de outubro, ás 20.00 horas, terá lugar unha reunión informativa nas instalacións do coworking. As persoas interesadas en recibir máis información poden anotarse a través do teléfono de contacto 981843280, marcando a extensión 2035, ou do enderezo electrónico promocion.economica@apobra.gal.

Por último, a presidenta da Asociación Comercial DEANSHOP, Noelia Hermo, sinalou que a entidade habilitará na plataforma dixital un apartado chamado ‘Quilómetro 0’, onde se porán á venda os excedentes agrarios. Neste senso, manifestou que “nós non imos a ser beneficiarios, o único beneficiario será o propio agricultor ou persoa que cultiva”, polo que a asociación constitúe unicamente un vínculo de unión entre produtores e compradores. Ademais, de funcionar esta iniciativa, anunciou que dende a plataforma se buscará tamén a implicación do sector hostaleiro para que tamén adquiran esta mercancía e poidan crear uns menús ‘Quilómetro 0’.