O Concello aposta pola creación visual e escénica como ferramentas para romper barreiras e favorecer a integración social
A Coruña celebra desde hoxe o décimo “Encontro de artes pola integración” cun programa cultural, que se desenvolverá até o sábado entre a Cidade Vella, o Centro Ágora, os Estaleiros de Oza, o Teatro Rosalía de Castro e a biblioteca de Durán Loriga. O Concello apoia esta efeméride cunha chamada de atención a través das artes en prol da inclusión social en todos os campos, unha das máximas do Goberno de Inés Rey. Preténdense rachar, con esta posta en escena, as barreiras creadas e substituílas por vías de acceso
bidireccionais entre artistas e persoas con capacidades diferentes para fomentar o coñecemento, o recoñecemento e, en definitiva, a integración e a inclusión social.
Para iso, utilizaranse as artes visuais, o cinema, a música, a danza, o teatro e as técnicas dramáticas como instrumentos para a comprensión e a procura de alternativas a problemas sociais derivados da exclusión.
A convocatoria incluirá unha serie de relatorios e obradoiros presenciais que funcionarán como unha incubadora de ideas e conceptos capaces de fixarse na conciencia dos espectadores, en que participarán personalidades do mundo da cultura como o actor Victor Duplá, os músicos Davide Salvado e Pascal Kleiman, o bailarín Mikel Aristegui, o coreógrafo Jordi Cortés, o fotógrafo David Jiménez ou a directora do proxecto, Carlota Pérez. O festival procura visibilizar e normalizar a diversidade da mellor maneira posible, con exemplos prácticos e visibles da man de persoas con capacidades diversas.
O encontro comezará hoxe ás 20.30 horas no Teatro Rosalía coa peza de danza comunitaria “Habitados”, con música en directo de Davide Salvado e Cibrán Seixo.
Mañá, a praza de Azcárraga acollerá ás 17.00 horas a mostra de obradoiro de fotografía de David Jiménez con nenas e nenos. Será unha instalación efémera que permanecerá neste espazo durante un tempo indeterminado. Ás 19.00 horas, os estaleiros de Oza serán o escenario da intervención de Janet Novas con Davide Salvado e Carlos Pérez e a xornada concluirá ás 22.30 horas na biblioteca de Durán Loriga co teatro musical de “Sombra e silencio, fóra da cadea”; de Renata Felicitas Soskey, Christoph Simons e Cibrán Seixo.
O sábado, no Centro Ágora terá lugar a “Asamblea diversa” coa participación de Pascal Kleiman, que dialogará sobre o filme “No se necesitan alas para volar”. Inés Enciso falará sobre “Avances e retos na práctica artística e a diversidade” e Eva García abordará o “Acampañamento a institucións para o desenvolvemento de proxectos artísticos comunitarios”. Por último, Jordi Cortés intervirá con “Reflexións sobre a danza inclusiva”. Pola tarde, o vestíbulo do centro ofrecerá “Rubindo Rochedos. Contos, lendas e cafés”, un espectáculo de danza inclusiva protagonizado pola compañía 5S e que dirixen Víctor Duplá e Mikel Aristegui. Ás 18.00 horas, haberá un ciclo audiovisual con Alexis Delgado, unha mostra de videodanza inclusiva e unha exposición fotográfica e a actividade rematará co concerto de Pascal Kleiman, ás 20.30 horas. Todas as citas serán gratuítas.