Monday 25 de November de 2024

A Xunta destaca o acerto do modelo do Tren Turístico, que acadou este ano a mellor ocupación da historia


― A nove días do peche da campaña, a práctica totalidade dos billetes foron vendidos, o que confirma o éxito do modelo turístico de calidade e tranquilo que ofrece Galicia

― O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e o presidente de Renfe, Isaías Táboas, fixeron balance da oitava edición desta iniciativa e dos convenios turísticos que a Xunta asinou coa operadora ferroviaria

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente de Renfe, Isaías Táboas, fixeron hoxe balance da campaña Trens Turísticos de Galicia, que acadou este ano a mellor ocupación da súa historia coa venda do 97,5% das súas prazas.

Antes da reunión que Alfonso Rueda mantivo con Isaías Táboas, e na que estiveron presentes tamén a directora e o xerente de Turismo de Galicia, Nava Castro e Emilio de la Iglesia, o vicepresidente primeiro da Xunta subliñou que a venda de 1.493 billetes, dos 1.532 que se ofreceron na presente edición, demostra “o acerto do modelo turístico de calidade e tranquilo que ofrece Galicia”, o mesmo modelo que foi quen de colocar este verán á comunidade autónoma á cabeza do turismo español, cun comportamento 27 puntos mellor que a media nacional.

O Tren Turístico de Galicia, que pecha o día 9 a oitava campaña -a do 2020 non se celebrou por mor da pandemia- programou un total de 22 saídas por 11 itinerarios que percorreron as rutas do viño, os xardíns, os principais mosteiros, pazos e faros, a oferta gastronómica e percorridos polo Camiño de Santiago, sempre con guías turísticos e ofrecendo aos viaxantes a posibilidade de achegarse tamén en tren ao punto de saída das viaxes.

O 80,5% dos viaxeiros desta edición foron adultos, mentres que outro 15,4% foron menores de idade e o 4,1% restante o formaron grupos.

Alfonso Rueda destacou, como claves do éxito acadado, os protocolos covid adoptados, o mantemento dos prezos dos billetes para chegar a máis xente e os atractivos da propia oferta. “A xente tiña ganas de viaxar pero con sentidiño dadas as circunstancias sanitarias, e por iso, cando puido saír da casa, elixiu a oferta turística máis segura”, subliñou Rueda.

O Tren Turístico de Galicia é unha iniciativa posta en marcha no ano 2013 entre Turismo de Galicia, Renfe e Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) que, de media, acadou unha ocupación do 80,8% nas súas oito edicións.

A Xunta mantén outros convenios turísticos con Renfe que están a dar tamén os seus froitos, como os descontos do Galicia Rail Pass para peregrinos e viaxeiros do tren turístico ou o acordo acadado por mor do Xacobeo para a promoción do dobre Ano Santo.