Esta mañá no salón verde do Pazo de Raxoi procedeuse á firma do contrato para a revisión do Plan Especial (PE) da Cidade Histórica de Santiago de Compostela. A continuación tivo lugar a primera reunión de traballo á que asistiron membros do equipo redactor e os concelleiros con competencias relacionadas co PE, María Antón, Reyes Leis, Alejandro Sánchez-Brunete, Maite Cancelo e Teresa Gutiérrez.
Avánzase así cara á disposición dun “instrumento actualizado que permitirá xestionar axeitadamente o noso principal activo patrimonial, turístico e económico, dando resposta ás novas esixencias ás que se enfronta o Casco Histórico”.
Ao concurso presentáronse cinco ofertas, obtendo maior puntuación a da empresa Estudio Thuban S.L, por un importe de 322.231 euros máis IVE e un prazo de execución de tres anos. Unha vez firmado o contrato, a intención do Goberno local é a de axilizar ao máximo a redacción deste documento a través de mecanismos de seguimento dos traballos, polo que haberá unha comisión executiva que se reunirá como mínimo unha vez ao mes co equipo redactor do plan, e unha comisión de participación que será convocada trimestralmente e na que estarán representados diferentes sectores da sociedade compostelá.
Teresa Gutiérrez lembrou o carácter “estratéxico” do Plan Especial. Neste sentido, valorou a “extraordinaria calidade” do Plan de 1997, demostrado polos “máis de quince anos de vixencia e o recoñecemento unánime a nivel académico e urbanístico”. O
goberno municipal asume esta revisión coa maior das responsabilidades, conscientes de que poucas actuacións marcarán tan profundamente o desenvolvemento desta cidade nas próximas décadas.
Ademais da necesaria adaptación normativa, un dos obxectivos prioritarios do Plan é a revitalización da cidade histórica, recuperando a súa función primordialmente residencial, o que á súa vez esixe a recuperación da diversidade de usos e actividades que é característica dos centros urbanos, estimulando a implantación das actividades económicas que colaboren en fixar a residencia para evitar que acabe por converterse nun mero decorado urbano.
Proxectos complementarios e melloras na oferta
A concelleira de Desenvolvemento Sostible, Teresa Gutiérrez, indicou que a empresa adxudicataria traballará cun equipo de once profesionais na redacción do Plan: catro arquitectos, dous licenciados en xeografía e historia, enxeñeiro de camiños, canais e portos, un psicólogo urbano, un sociólogo, un licenciado en dereito e un enxeñeiro en xeodesia e cartografía. Tratase dun equipo con ampla experiencia traballos de xestión, intervención e remodelación urbana en diversas cidades españolas.
A adxudicataria executará tamén una serie de traballos a maiores, introducidos como melloras na súa oferta, como dous proxectos de renovación urbana de espazos públicos: un plan director de remodelación paisaxística e funcional da cornixa sueste de Santiago -a que vai dende a saída este (Ourense) ata a saída sur (Milladoiro) da AP-9, e un proxecto de integración paisaxística e funcional do Camiño de Santiago dentro do tecido urbano.
Ademais, a empresa redactará unha ordenanza de directrices de urbanización e reurbanización para a Cidade Histórica, e comprométese a redactar o Plan en formato dixital FIP, o que facilitará a consulta do documento a través de medios electrónicos.
A concelleira destacou especialmente o compromiso de elaboración dun Plan de Xestión, que permitirá ensamblar a regulación urbanística con outros campos sectoriais, como as actividades económicas e comerciais, a mobilidade ou o turismo, con mecanismos de planificación e programación e con procedementos de participación e de avaliación. Este documento vaise converter nunha esixencia da Unesco para as Cidades Patrimonio Mundial.
Asentar a poboación
Para o goberno municipal resulta imprescindible evitar que o casco histórico acabe por converterse nun mero decorado urbano “como indican os datos que confirman que en 1995, o casco histórico de Santiago ofrecía un saldo de 6.484 vivendas, das que un 8,6% estaban baleiras. Trece anos despois, no momento en que se aprobou o actual Plan Xeral, o número de vivendas era de 7.575, das que estaban baleiras 1.012, é dicir, o 13,3%. Se calcula que dende o ano 1997 abandonaron o casco histórico máis de 3.000 veciños, en tanto que, no conxunto de Santiago, a poboación permaneceu estable en torno aos 97.000 habitantes”, dixo.
Para rachar con esta tendencia, apostarase por unha rehabilitación que se baseará “nunha mestura equilibrada de residencia, comercio, oferta cultural e de ocio e equipamentos, integrando o comercio de pequena dimensión e a oferta hostaleira e de ocio”.
Neste sentido, establécense obxectivos como o control da saturación de determinados tipos de comercios pensados exclusivamente para turistas e non para poboación residente no centro histórico. Potenciarase así o comercio de proximidade, en equilibrio co comercio de atracción turística.
Ademais, fíxase como reto controlar o número de establecementos de hostalaría e reforzar a protección fronte ao exceso de ruídos nocturnos, garantindo así mellores niveis de habitabilidade. Tamén a mellora da mobilidade, reforzando a súa dimensión peonil a través de medidas que controlen o tráfico pesado e potencien o transporte adaptado. Outra cuestión pendente no casco histórico é a modernización de servizos como gas, fibra óptica ou telefonía.
Finalmente, facilitarase a rehabilitación interior dos edificios, de xeito que “a normativa non sexa tan ríxida no que non afecte aos elementos estruturais, mantendo sempre a fachada e a parte externa acorde coa zona monumental onde se atopa”. Recordou que esta rixidez xerou vivendas baleiras, polo que se precisa “flexibilizar certas esixencias das que, na actualidade, só se libraron as propias administracións, afirmou citando a problemática dos ascensores.
Documento participativo
A elaboración do Plan Especial pretende ser tamén un proceso participativo. Así, o Goberno municipal fomentará a participación a través de medios tecnolóxicos, e tamén a creación dunha Comisión de Participación, na que estarán representadas as asociacións de veciños do casco histórico, comerciantes, hostaleiros e Cámara de Comercio, así como outras administracións ou organismos implicados: Consorcio, Xunta, Universidade e a Igrexa. Esta comisión convocarase de xeito trimestral.
Xunto con esta crearase outra Comisión Executiva, presidida polo alcalde, para o seguimento dos traballos. Reunirase, como mínimo, unha vez ao mes. Estará integrada polos concelleiros de Desenvolvemento Urbano Sostible, Seguridade e Mobilidade, Cultura e Patrimonio, Economía e Educación; un concelleiro de cada un dos grupos da oposición; o director da Área Técnica do DUS; o arqueólogo municipal; o arquitecto municipal poñente do ámbito do casco histórico e na comisión asesora; e profesionais do urbanismo e da arquitectura de recoñecido prestixio.
En canto ao financiamento do Plan, cómpre lembrar que a Xunta e o Concello de Santiago asinaron un convenio para a redacción do mesmo por un importe de 453.200 euros, cantidade achegada a partes iguais polas dúas administracións.