— O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou esta mañá na mesa redonda titulada A prestación sociosanitaria na crisis pola Covid-19. Pandemia e residencias de maiores
— Na súa intervención puxo en valor as medidas levadas a cabo pola Xunta de Galicia, como a creación da plataforma loxística Clonegal para o reparto de material polos centros sociais
— Lembrou que a Xunta de Galicia puxo en marcha un cribado semanal, unha medida pioneira cuxo obxectivo é protexer os residentes e os profesionais
O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou hoxe no XXIX Congreso de Dereito e Saúde celebrado na cidade herculina. Alí formou parte da mesa A prestación sociosanitaria na crisis pola Covid-19. Pandemia e residencias de maiores, na que expuxo como se abordou a crise sanitaria desde estes centros.
Durante a súa intervención, o director xeral subliñou que desde o Goberno galego se actuou coa maior celeridade e rigorosidade posibles para garantir a seguridade dos nosos maiores. De feito, lembrou, Galicia foi a primeira comunidade de España en contar con estes protocolos sanitarios, que supuxeron que “todas as residencias da nosa comunidade aplican unhas medidas que mesturan a protección da saúde coa prevención do benestar emocional dos maiores”.
Ademais, sinalou que desde a Administración autonómica se creou unha plataforma loxística para a distribución semanal de material (Clonegal) por todas as residencias nun tempo no que tanto o material como conseguilo era unha tarefa ardua, xa que escaseaba e a mobilidade non estaba permitida.
Tamén subliñou que a Xunta de Galicia puxo en marcha un cribado semanal, unha medida pioneira en España, para que en todos os centros de maiores e persoas con discapacidade mantivesen o máximo seguimento e seguridade do virus e garantir a protección dos residentes e dos profesionais.
Antón Acevedo estivo acompañado na súa exposición por outros dous relatores, o director do Centro Gallego de Desarrollo Integral (Cegadi), Constantino, Piñeiro Cajete, quen falou sobre a implicación das intervencións en residencias, e o Fiscal Delegado de Discapacidade para Galicia, Santiago Miguel Cruces, quen abordou a cuestión do papel do Ministerio Fiscal na protección xurídica dos maiores ingresados.