A biblioteca municipal Victoriano García Martí continúa albergando funcións destinadas ao público infantil. No 7 de outubro, ás 18.00 horas, será a quenda de Aventuras dunha toupa arqueóloga, a cargo de Pedras de papel. Trátase dun contacontos con monicreques e obxectos que achega o traballo das arqueólogas e o patrimonio cultural galego ás crianzas a través das aventuras dunha toupa arqueóloga, coñecida como Harris, que escava unha mámoa sobre a que existe unha curiosa lenda. Alí atopará unha serie de debuxos xeométricos, así como moitos segredos agochados baixo terra.
Ademais, no 14 de outubro, ás 18.00 horas, terá lugar o espectáculo Bibliotemagia. A través dunha historia máxica repleta de referencias literarias, Leo Leiño vai contando como se fixo maga e inventora. Unha sesión chea de risas para toda a familia.
As prazas son limitadas, polo que é preciso realiza-la reserva a través do enderezo electrónico bibliotecadapobradocaraminal@gmail.com ou do teléfono de contacto 981831633, indicando nome, apelidos e teléfono de contacto. Seguiranse as medidas implantadas por mor da COVID-19.
Organiza a Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), ao abeiro do programa Ler Conta Moito.