Saturday 16 de November de 2024

Inés Rey: “Agardamos que a Xunta concrete a aportación para a urbanización do Porto”


“O meu obxectivo é obter un acordo que sexa o mellor posible para os intereses da cidade”

Durante a reunión mantida coa Marea Atlántica, Villoslada incidiu na necesidade de que a Xunta cumpra cos seus compromisos financeiros, unha cuestión que “non vemos reflectida”.

A alcaldesa, Inés Rey, asegurou hoxe que o Concello está agardando a que se concreten as achegas da Xunta na urbanización da zona 1 do Porto. “O noso obxectivo sempre foi a defensa dos intereses da cidade e obter un acordo que sexa o mellor posible para os coruñeses e coruñesas. A Xunta debe concretar a súa aportación económica”.

Sinalou que a fachada marítima é unha cuestión de “relevancia absoluta”. Lembrou que é un asunto que leva agardando 17 anos. “As bases están postas desde que convoquei as administracións en febreiro, algo que non sucedía desde hai 17 anos. Temos que dar pasos firmes e non precipitarnos ”, sentenciou Rey.

Neste senso, o concelleiro de Urbanismo, Juan Diaz Villoslada, ao remate da reunión coa Marea Atlántica, afirmou que a Autoridade Portuaria remitiulles un último documento “que estamos revisando xa que cómpre realizar reaxustes e someter á comisión xeral de todas as administracións”.

Villoslada afirmou que para garantir unha boa planificación urbana é necesario un Plan Director en todo o Porto, e incidiu na necesidade de que a Xunta cumpra cos seus compromisos financeiros, unha cuestión que “non vemos reflectida”.

Segundo Villoslada, o goberno de Inés Rey continúa cun espazo “ben definido” de diálogo coas administracións competentes para acadar o máximo consenso no futuro do Porto. “É necesario acadar unha posición compartida. Buscamos o futuro da mellor forma posible; porto é cidade e Coruña é porto.
Canto á reunión do Goberno Local coa Marea Atlántica destacou que se enmarca no marco da recuperación do diálogo co fin de abordar os temas que lle preocupan á cidade”.

Asegurou que o escenario ideal para o Concello sería a condonación da débeda total ou parcial por parte de Portos do Estado, pero “o propio acordo plenario facilita buscar axudas equivalentes”. Así, apuntou, o Concello busca ter unha posición importante e preferencial á hora de adquirir solos na zona 1: “Temos que darlle unha viabilidade económica e financeira á Autoridade Portuaria baixo a premisa fundamental de que esta ten que traballar pola recuperación de tráficos.

Indicou que “o reto a curto prazo máis importante é levar adiante a licitación da conexión ferroviaria con Langosteira”. Neste aspecto, asegurou que a Autoridade Portuaria, o Ministerio de Fomento e ADIF están traballando “a marchas forzadas”: “O Estado ten un compromiso claro que demostrou neses 171 millóns que España lle presentou a Bruxelas nos fondos de reconstrución”.