Instalaranse tubaxes con maior diámetro que permitan canalizar parte da auga procedente de Alfonso Senra. No proxecto investiranse arredor de 28.000 €
A rúa Canteira, en pleno corazón urbano da vila de Ordes, estará en obras para mellorar o seu sistema da rede de augas pluviais. Trátase dunha obra moi demandada polos veciños e veciñas dados os inconvenientes provocados polos danos derivados “dunhas canalizacións que non eran as máis apropiadas para poder conducir a auga que se producía cando había fortes chuvias”, segundo palabras do edil de Urbanismo, Roberto González.
Tras a última intervención realizada hai xa algún tempo na contigua rúa Campomaior, agora chega a quenda do tramo que vai dende a glorieta do Campo da feira ata a confluencia coa rúa Ramón Ferreiro. En total calcúlanse arredor de 140 metros de nova tubaxe que, cun diámetro de 630 mm, tardarán en instalarse arredor de dez días. En termos económicos hai que falar dun investimento de preto de 28.000 euros.
“Con esta nova fase o Concello continúa co plan de mellora no sistema de pluviais para a vila de Ordes. Hai que ter en conta que as canalizacións deste tipo procedentes da parte máis alta do núcleo urbano (área de Merelle, rúa Nova, Camposanto, Rosalía de Castro, Galicia, Casabella, República Arxentina, Lagartos etc) se desvían todas á zona de Alfonso Senra para despois redireccionalas, entre outras, pola rúa na que estamos a intervir nestes días”, explica Roberto González. Pola súa banda o Concello ten previsto seguir realizando obras similares noutros puntos do seu sistema de pluviais, seguindo así co seu plan integral de mellora.