— A ‘Aula Newton’, que demostrou o seu éxito en Noruega, Dinamarca e Escocia, instalarase en San Cibrao das Viñas e está dirixida a estudantes de 14 a 16 anos de toda Galicia
— A colaboración do Goberno galego neste proxecto enmárcase no programa de vocacións do Polo Aeroespacial de Galicia
— A inscrición para os centros de ensino secundario de Galicia interesados xa está aberta
A Xunta de Galicia colabora coa empresa Boeing e a organización sen ánimo de lucro FIRST Scandinavia na posta en marcha no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) de San Cibrao das Viñas da primeira Aula Newton de España. Trátase dunha grande oportunidade para que estudantes de entre 14 e 16 anos se acheguen ás materias de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas (STEM) dun xeito innovador, empregando equipos de alta calidade, colaborando, debatendo e divertíndose.
O apoio do Goberno galego a esta iniciativa enmárcase no programa Voando alto, sumando vocacións do Polo Aeroespacial de Galicia, que ten como obxectivo fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre a mocidade para espertar o interese polas carreiras STEM e no que a Xunta conta coa colaboración das empresas Boeing, Indra e Babcock, o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA) e o Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR).
Dous anos despois de que unha Aula Newton móbil recalara na cidade de Lugo, equiparase un grande espazo de aprendizaxe permanente na Tecnópole, unha entidade que conta cunha ampla experiencia na organización de actividades educativas para a mocidade como a Feira Galiciencia ou as Aulas Tecnópole.
Este tipo de iniciativas teñen un formato de éxito probado en Noruega, onde hai máis de 40 aulas permanentes e encaixan especialmente ben nas zonas rurais, permitindo que os estudantes melloren as súas habilidades en materias STEM baixo a supervisión de profesores especializados. A inscrición para que os centros de ensino secundario galegos participen xa está aberta na páxina web.
Boeing no Polo Aeroespacial de Galicia
Boeing é unha das empresas tractoras do Polo Aeroesapacial de Galicia e desenvolve o proxecto Xestión e seguridade de tráfico para espazos aéreos compartidos, a través da fórmula da Compra Pública Precomercial impulsada pola Xunta.
O principal obxectivo deste proxecto, de 18 meses de duración, denominado Galician SkyWay, foi o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que permitiran avanzar nos retos operativos e de seguridade relacionados co despregamento de sistemas non tripulados en espazos aéreos compartidos.
A implantación deste proxecto incluía unha serie de actividades complementarias, clave para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia, como un convenio coa Universidade de Vigo, a organización dos Drone Days para estudantes no Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), e a construción dun simulador de voo no laboratorio de Boeing no campus de Ourense, ademais da instalación dunha Aula Newton portátil en Lugo en 2019 á que asistiron preto de 1200 persoas.