Thursday 21 de November de 2024

AFAL Ferrolterra e o Concello de San Sadurniño ofrecerán obradoiros de estimulación cognitiva para persoas con Alzhéimer e outras demencias


O consistorio programará charlas informativas en novembro de cara a detectar a demanda real dun servizo “imprescindible” que arrancaría co novo ano

Hai tan só uns días que se celebrou a semana con motivo do Día Mundial do Alzhéimer para poñer volver poñer o acento sobre a necesidade de destinar recursos tanto á investigación como á atención das persoas que padecen esta enfermidade e outro tipo de demencias, ademais de buscar maneiras de apoiar ás familias ante unha situación sobrevida e imposible de reverter que trae canda si a sobrecarga física e emocional, a renuncia ao tempo libre e as amizades e mesmo a aparición da chamada “síndrome do coidador”, que debería denominarse xenericamente “síndrome da coidadora” por ser as mulleres, familiares directas ou non, quen soportan maioritariamente o peso do coidado. De todas estas cuestións falouse recentemente nunha xuntanza mantida entre o Goberno local e a asociación AFAL Ferrolterra, de cara a poñer en marcha unha campaña informativa entre a veciñanza que, de existir demanda, iría seguida dunha serie de obradoiros de estimulación cognitiva que se virían sumar aos recursos de Benestar que ofrece o Concello. Ademais, tal e como indicou Secundino García, a intención municipal é iniciar unha colaboración con AFAL “que incluso vaia máis alá” do programa que agora se vai iniciar.

No encontro, celebrado o pasado 23 de setembro, participaron Secundino García e Francisco Pantín -presidente de AFAL Ferrolterra- xunto con persoal técnico de Servizos Sociais e representantes da directiva da entidade. A reunión foi a continuación de outra celebrada meses atrás para explorar as vías de colaboración entre o Concello e a asociación, que leva anos traballando en distintas liñas de apoio especializado a familias e persoas enfermas de Alzhéimer e outras demencias.

O acordo alcanzado na última xuntanza foi o de concretar esa colaboración, que arrancará cunha serie de charlas sobre a doenza, os tratamentos non farmacolóxicos que existen para minorar os seus efectos e os recursos de dependencia que mellor poden cubrir as necesidades de quen a padecen e das súas coidadoras.

Porén, a finalidade principal desas sesións tamén é detectar a demanda real dos servizos que pode ofrecer AFAL Ferrolterra e que xustificaría a posta en marcha de obradoiros especializados de estimulación cognitiva dirixidos a persoas diagnosticadas de Alzhéimer ou outro tipo de demencias.

Débese ter moi presente que na actualidade non hai cura para o Alzhéimer nin tampouco maneira de recuperar as facultades perdidas debido a esta enfermidade, aínda que si é posible manter durante máis tempo as que aínda se conserven -as chamadas “reservas cognitivas”- por medio de sinxelos exercicios. Por esta razón, o Concello e a entidade queren impulsar este novo servizo supervisado por terapeutas profesionais no que se traballarían, entre outras, a coordinación psicomotriz, a linguaxe, a lectura, a orientación espazo-temporal, as relacións interpersoais, a xestión da frustración, etc., con actividades adaptadas ao grao de evolución da enfermidade.

Alén de brindar unha atención especializada a persoas que sofren un deterioramento das funcións cognitivas, os obradoiros tamén queren ser punto de enlace coas familias para, en primeiro lugar, desterrar os estigmas e falsas crenzas que aínda hai sobre o Alzhéimer, ademais de facilitarlles un breve tempo de respiro e ferramentas útiles para os coidados. Neste sentido son fundamentais as pautas para unha correcta relación coa persoa enferma e sobre como organizar o día a día de cara a previr a aparición da síndrome da coidadora, producida polo estrés físico e emocional aparellado a unha situación irreversible e progresiva que pode durar varios anos.

Polo momento non hai calendario pechado para a celebración das charlas -posiblemente se desenvolvan en novembro- pero, en calquera caso, Servizos Sociais e AFAL Ferrolterra traballan xa na preparación das sesións públicas e na planificación dos obradoiros de estimulación cognitiva que, de existir demanda suficiente, poderían levarse ás parroquias en distintos días e horarios para facilitar a asistencia. A idea é poder poñelos en marcha co inicio do ano.

O alcalde, Secundino García, sinalaba ao remate da xuntanza coa asociación que é “imprescindible” ofrecer apoio ás persoas que padecen unha demencia e ás súas familias. Un obxectivo que bate coa realidade de que o Alzhéimer segue sendo, en palabras do rexedor, “unha enfermidade que se xestiona moitas veces de portas para dentro da casa. Hai moito descoñecemento e segue sendo unha doenza que tende a quedar oculta, aínda que sexa de maneira involuntaria, o que fai que aínda sexa máis descoñecida e que haxa unha percepción dela moi negativa. Temos que ser capaces de rachar ese círculo con información e abordando con normalidade un problema de saúde pública de primeira orde”, comenta García.

Outro problema engadido é a falla de datos precisos sobre a incidencia da enfermidade. Hai estimacións pero non unha cuantificación segura, en parte porque é frecuente que non se recorra á Sanidade para obter un diagnóstico inequívoco sobre a raíz do deterioramento cognitivo, que pode ser ou non debido ao Alzhéimer. Nese caso adoita manifestarse inicialmente con pequenas perdas de memoria, problemas de orientación e, con frecuencia a medida que vai avanzando, con cambios no comportamento; logo vai indo a máis afectándolle á linguaxe e á mobilidade e finalmente, ás veces despois de anos, chega o desenlace inevitable.

“Todo ese proceso vívese en moitos casos sen que haxa un diagnóstico, que debería ser o máis precoz posible, e sen que as familias boten man de axuda especializada externa”, explica o alcalde mentres recalca a “dificultade” para coñecer o alcance real do problema no territorio. Un problema que, insiste García, “non olvidemos que tamén lle afecta á xente arredor da persoa enferma. E cando digo xente refírome sobre todo ás mulleres, fillas e noras, que soportan as máis das veces toda a carga física e emocional dos coidados, renunciando a unha parte importante da súa vida e do seu futuro. Iso é algo que debemos axudar a cambiar e unha das razóns principais de que esteamos traballando con AFAL para afrontar en serio este problema en San Sadurniño, por medio dunha colaboración que a medio prazo queremos que vaia incluso máis alá do programa que agora queremos poñer en marcha”.