Inés Rey: “O Concello fará “toda a presión posible” para “conseguir un futuro” para Alu Ibérica e para a industria na comarca
A alcaldesa, xunto ao resto de voceiras e voceiros dos grupos políticos, escoitaron hoxe en María Pita as demandas do comité de empresa da antiga Alcoa na procura dunha solución ante a crítica situación da factoría
A Corporación da Coruña defendeu esta mañá de forma unánime a planta de Alu Ibérica e aos seus traballadores. Así o comunicou esta mañá a alcaldesa, Inés Rey, tras a reunión que mantivo xunto ás voceiras e aos voceiros de todas as forzas políticas co comité de empresa de Alu Ibérica co fin de acadar unha solución ante o peche da planta e a perda de 400 postos de traballo.
A Corporación trasladoulles o apoio unánime ás súas reivindicacións e reclamaralle á empresa non só o mantemento do emprego, senón tamén que garanta a continuidade da actividade industrial na cidade, onde conta cunhas instalacións viables e punteiras nun sector cunha crecente demanda. Rey asegurou que trasladará ao Goberno central as reivindicacións do comité de empresa, que contan co apoio unánime da Corporación.
Rey destacou o consenso da Corporación neste asunto que, como outros, involucra a toda unha cidade, e afirmou que existe desde hai moito tempo un compromiso claro do non só coa factoría e cos traballadores, senón tamén coa industria da cidade da Coruña e a súa comarca, “con esa industria tan necesaria como motor económico da cidade”. E reiterou unha vez máis que o Concello seguirá traballando para demandar solucións que garantan o futuro de Alu Ibérica e do seu cadro de persoal. Desde o Concello, dixo, seguiremos presionando ante todas as administracións para que se tomen as medidas oportunas que garantan a continuidade da factoría.