Thursday 21 de November de 2024

A Xunta presenta o Xacobeo no Porto como unha oportunidade única para promocionar o patrimonio conxunto de Galicia e o Norte de Portugal


― O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, deu a coñecer a oferta turística galega aos principais operadores turísticos do norte de Portugal, aos que asegurou que o Camiño de Santiago é un reclamo de éxito para os seus negocios

― Alfonso Rueda apelou aos bos datos turísticos do verán en Galicia como anticipo dun segundo Ano Santo, o 2022, cunhas expectativas moi esperanzadoras non só para Galicia, senón para as CCAA polas que atravesa o Camiño e para Portugal

― O Camiño Portugués e o Portugués da Costa acapararon este ano o 22% do tráfico total de peregrinos, con case 30.000 camiñantes

― A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, colocou na praza da Sé do Porto a primeira mouteira do Camiño de Santiago en Portugal

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou no Porto que o Xacobeo é unha oportunidade única para promocionar o patrimonio conxunto de Galicia e do norte de Portugal e para botar man do turismo e do Camiño de Santiago como motor de recuperación económica aos dous lados da fronteira lusa.

Alfonso Rueda participou hoxe perante autoridades portuguesas e perante un cento de operadores turísticos do norte de Portugal na presentación do Xacobeo 21-22 e da oferta turística galega, un acto no que invitou ao sector a promocionar as rutas xacobeas por ser “un reclamo de éxito para os seus negocios”, do mesmo xeito que está a selo en Galicia e nas comunidades autónomas españolas polas que atravesa o Camiño.

O vicepresidente primeiro apelou aos lazos que vencellan a Galicia co norte de Portugal para poñer en marcha estratexias conxuntas que a miúdo teñen o Camiño como fío común. De feito, o Camiño Portugués é a segunda ruta preferida polos peregrinos, despois do Camiño Francés. No que vai de ano, entre o Camiño Portugués e o Portugués da Costa, sumaron cae 30.000 camiñantes que recolleron a súa Compostela en Santiago, o 22% do total. Ademais, en canto se abriron as fronteiras, os portugueses animáronse a facer o Camiño de Santiago, de aí que o 5% dos que chegaron este ano a Santiago sexan de procedencia lusa.

Alfonso Rueda fixo referencia aos bos datos turísticos do verán, con Galicia á cabeza na recuperación turística de España, como anticipo dun segundo Ano Xacobeo, o 2022, cunhas expectativas moi esperanzadoras non só para Galicia, senón para as comunidades autónomas polas que atravesa o Camiño e para Portugal. Ao ser entender, o Xacobeo, que está a ser un dos motores da recuperación económica en Galicia, pode ser tamén un estímulo para Portugal.

Primeira mouteira en Portugal
A presenza de Galicia en Porto completouse coa colocación da primeira mouteira do Camiño de Santiago en Portugal, que se colocou na praza da Sé de Porto nun acto no que participou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o responsable de Turismo no Porto, Ricardo Valente. A iniciativa, que forma parte do programa “Símbolos Xacobeos no Mundo” no marco da programación da celebración deste Ano Santo, serviu para estreitar os lazos que unen Porto e Galicia. Neste sentido, Nava Castro destacou que a celebración deste Xacobeo é unha oportunidade para a reactivación do turismo, tanto para Galicia como para España e tamén para Portugal.

Esta nova mouteira únese ás colocadas en Cracovia, Bruselas, Glasgow, Buenos Aires, Rio de Janeiro, Lorient ou Pistoia, así como as que xa hai en distintas cidades doutras comunidades autónomas, como Madrid, Astorga ou Liébana, e coas que se segue a promocionar o Camiño.