Os socialistas pedirán tamén no pleno que se faga unha recollida da toponimia de todas as parroquias e lugares do municipio, para que esta riqueza cultural non se perda
25 de febreiro de 2015.- A Agrupación Socialista de Ordes denuncia que o servizo de fisioterapia do centro de saúde de Ordes acumula unha lista de espera de máis de oito meses. “Dende hai tempo están chegándonos queixas do tempo de espera ao que os pacientes están sometidos para ser atendidos”, explica o voceiro municipal socialista, Xesús Pedreira, quen asegura que “nos consta unha lista de espera dende xuño de 2014, aínda que tamén temos que resaltar a alta valoración que os propios pacientes lles dan aos profesionais que traballan no servizo de rehabilitación do centro de saúde de Ordes”.
Ante esta situación, o PSOE de Ordes presentará mañá xoves unha moción para o seu debate no pleno municipal na que insta á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia a dotar de máis persoal de rehabilitación e fisioterapia ao centro de saúde de Ordes para así acurtar o tempo de espera dos pacientes. Na actualidade, o centro ordense conta con dous fisioterapeutas e unha auxiliar para atender a preto de 25.000 tarxetas individuais sanitarias (TIS), das que 13.600 pertencen a veciños e veciñas de Ordes.
Recuperación da toponimia
Así mesmo, os socialistas ordenses presentarán tamén unha moción para instar ao Concello de Ordes a habilitar todos os recursos económicos e humanos para realizar unha recollida da toponimia de todas as parroquias e lugares do municipio, que mesmo podería quedar recompilada nunha publicación. Para tal fin, os socialistas solicitan que o Concello se poña en contacto con asociacións e grupos de investigación especializados que poidan levar a cabo esta recollida.
“Trátase dun legado que os nosos maiores nos transmitiron e que podería desaparecer se non somos quen de conservalo como merece”, advirte Xesús Pedreira, quen lembra que “podemos dicir que case que cada regato, cada leira, cada recuncho de Ordes ten o seu nome. E que ese nome ten unha razón de ser, pero ese coñecemento se vai perdendo co tempo”. Por iso, o voceiro municipal socialista considera que “é preciso que o Concello faga todo o que estea na súa man para que esta riqueza patrimonial non se perda”.