Últimas horas para anotarse na 38 edición da Carreira Pedestre da Amaia, organizada polo Concello de Brión en colaboración co Club Deportivo Brión Hyupersa Santiago. A día de hoxe xa hai 424 persoas inscritas e xa están pechadas as inscricións nas categorías Sub 14, Sub 12, Sub 10 e Sub 8, limitadas a 50 participantes por mor do protocolo anticovid.
As probas que aínda manteñen abertas as inscricións son a absoluta, que conta con 205 inscritos sobre un límite de 400 prazas; e a Sub 16, con 20 inscritos do límite de 50. As anotacións poden realizarse ata as 14:00 horas do vindeiro 29 de setembro e unicamente de forma telemática a través da web www.carreirasgalegas.com. A inscrición na proba de adultos custa 5 euros, mentres que a dos menores de 16 anos é de balde.
A XXXVIII Carreira Pedestre Popular da Amaía terá lugar este sábado 2 de outubro, a partir das 17:00 horas, nas inmediacións do Parque de Pedrouzos (a carón do campo municipal de fútbol de Brión). A carreira é unha proba oficial da Federación Galega de Atletismo, con distancia non homologada, e baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo.
A proba absoluta tomará a saída ás 18:00 horas e afrontará un circuíto de 5 km (98% asfalto e 2% terra en bo estado). As probas infantís terán lugar por primeira vez na contorna do Paseo de Pedrouzos e non na Carballeira de Santa Minia.
A carreira repartirá mais de 1.800 euros en premios e agasallará a todas as persoas participantes con camisetas técnicas conmemorativas. Haberá trofeos e premios en metálico para os tres primeiros homes e as tres primeiras mulleres en cruzar a liña de meta na proba absoluta: 250, 200 e 150 euros, respectivamente. Tamén haberá trofeos para os tres primeiros homes e mulleres empadroados en Brión, así como para os primeiros clasificados das 8 categorías establecidas. Os premios non serán acumulativos, exceptuando os correspondentes aos empadroados en Brión.