Friday 22 de November de 2024

A Xunta pon en valor o seu modelo turístico para captar 28M€ de Fondos da UE a través de seis proxectos


― O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, presentou hoxe durante a conmemoración do Día Mundial do Turismo as propostas de actuacións de cohesión en destino Galicia coas que o Goberno galego busca reactivar o turismo

― Tres das iniciativas optan a captar fondos europeos extraordinarios da convocatoria do Plan Territorial de Sustentabilidade en Destino e outras tres ao Plan Turístico Nacional Xacobeo

― As propostas apostan por fomentar Galicia como destino náutico ou cicloturista e potenciar a ruta Traslatio e o Camiño de Santiago en xeral

― Alfonso Rueda destacou tamén os bos datos turísticos en agosto ao converterse Galicia na única comunidade en superar os datos turísticos prepandemia despois do traballo feito por reforzar a mensaxe como destino seguro e de calidade

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe no acto de conmemoración do Día Mundial do Turismo, onde incidiu na importancia do modelo turístico galego baseado na seguridade e na calidade que permitiron obter bos resultados de afluencia turística este verán e que ademais serán os piares das actuacións coas que o Goberno galego pretende captar case 28 millóns de euros de fondos da Unión Europea para reactivar o sector.

No acto de hoxe, Alfonso Rueda presentou as seis propostas de actuacións de cohesión que a Xunta presentará aos fondos europeos extraordinarios do Plan Territorial de Sustentabilidade Turística en Destinos e ao Plan Nacional Xacobeo 21-22, no marco da Estratexia de Sustentabilidade Turística en Destino .

Por unha parte, explicou que deses 28 millóns, a Xunta presentou tres iniciativas para o seu Plan Territorial de Sustentabilidade Turística en Destino, o Plan do Litoral, por un orzamento de 14,6 millóns de euros. En concreto, case 8 millóns de euros para actuacións de rehabilitación e embelecemento da fachada litoral, outros 3,5 millóns á mellora da senda litoral e 3 millóns para poñer en marcha infraestruturas e actividades encamiñadas a potenciar Galicia como destino náutico desenvolvendo os minicruceiros como produto turístico.

Por outra banda, a Xunta propón outros tres proxectos dotados cun orzamento de 13,1 millóns de euros no marco do Plan Nacional Xacobeo 21-22, para o que se contempla unha actuación de cohesión orientada a facer de Galicia un destino cicloturista utilizando as rutas xacobeas e a rede Eurovelo cun investimento de 3,5 millóns de euros; 3,2 millóns co obxectivo de revalorizar a ruta xacobea marítimo-fluvial polo Mar de Arousa coñecida como ruta Traslatio a través da mellora das infraestruturas náutico-portuarias e coa creación de espazos para atender aos peregrinos; e 6,5 millóns para poñer en valor o Camiño de Santiago como unha experiencia segura, innovadora e tamén en familia.

As actuacións deste último proxecto enmárcanse no Plan Director dos Camiños de Santiago 2021-2027 que a Xunta xa licitou para continuar co traballo feito ata agora na mellora da conservación das rutas, dos albergues e dos servizos de atención ao peregrino, incluíndo actuacións que fomenten desfrutar da experiencia do Camiño en familia con nenos e nenas.

Na conmemoración do Día Mundial do Turismo en Fisterra, ao que tamén acudiu a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o vicepresidente primeiro da Xunta lembrou que Galicia segue estando de moda neste Xacobeo 21-22 como se constata cos datos de agosto, que sitúan á comunidade galega como a única de España que conseguiu superar as cifras turísticas prepandemia. De feito, en agosto rexistrouse un 70% de ocupación respecto ao ano pasado e cun comportamento 27 puntos mellor que a media nacional en comparación cos datos de agosto de 2019.

Alfonso Rueda lembrou que estes resultados son froito do traballo feito para reforzar Galicia como destino seguro e de calidade con iniciativas pioneiras como o seguro coronavirus, o bono turístico ou a campaña Camiña a Galicia. Por iso, instou a seguir traballando no modelo do futuro do turismo galego no marco do Plan Director 2021-2023 Galicia Destino Seguro apostando por unha oferta na que prime a seguridade, a calidade e a sustentabilidade co obxectivo de acadar os 5 millóns de visitantes en 2023.