Este vindeiro venres a biblioteca municipal de Ordes volverá ofrecer unha nova sesión das súas Tardes de contos e lendas. ‘O trasno Elías no mundo dos monstruíños’ é o título escollido para a ocasión. A partir das 18.30 horas tanto os nenos, nenas, pais, nais e acompañantes en xeral poderán desfrutar deste espectáculo familiar baseado na narración e nos contos, onde a interactuación e a participación en conxunto xogan un papel fundamental para o desfrute e a diversión. As Tardes de contos e lendas son unha iniciativa lúdica especialmente dirixida a menores entre os 3 e os 8 anos de idade, e coa que se pretende achegar un espazo público como é a biblioteca a todos eles, permitíndolles tomar contacto cos libros, actividades e programas que se desenvolven por parte do propio centro.