Sunday 24 de November de 2024

O goberno local e a Deputación acordan iniciar os procedementos de varios proxectos de entidade para o municipio


· A alcaldesa, Sandra Insua; o concelleiro de Obras, Sergio Caamaño; a concelleira de Cultura, Encarna Liñeiro; a concelleira de Igualdade, Begoña Tajes e o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, reuníronse esta mañá no pazo provincial.

O goberno local de Camariñas e a Deputación da Coruña acordaron esta mañá no pazo provincial iniciar os procedementos de varios proxectos de entidade para o municipio.

A alcaldesa, Sandra Insua; o concelleiro de Obras, Sergio Caamaño; a concelleira de Cultura, Encarna Liñeiro; a concelleira de Igualdade, Begoña Tajes e o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, trataron esta mañá varios puntos de interese para a veciñanza camariñana, entre os que destacan a segunda fase dos traballos no Paseo de Ponte do Porto, as beirarrúas en Camelle, a senda ciclista que unirá o cruce da estrada de Camelle ata a última vivenda en Va de Porco, unha senda desde o cemiterio de Camelle ata a entrada deste núcleo, as obras na rúa Ramón Noguera ou o Museo dos Naufraxios.

O executivo camariñán trasladoulle a Formoso a relevancia de acometer estes traballos, “de grande interese para a meirande parte da veciñanza de Camariñas”, entre o que destacan a creación do primeiro Museo dos Naufraxios de Galicia na lonxa vella.

Trátase dun dos proxectos máis ambiciosos da lexislatura para o que se contará co “total apoio” da Deputación da Coruña, en verbas de González Formoso por ser un proxecto “de interese provincial”.

Así, xa se está traballando para que poida dar comezo o vindeiro ano, á espera dun proxecto de execución que estará dispoñible nun curto prazo de tempo.

Tanto a alcaldesa como o resto de membros do goberno presentes na xuntanza acordaron co presidente da Deputación, Valentín González Formoso, darlle “a máis pronta saída” a unhas actuacións que serán “un antes e un despois” nesta localidade da Costa da Morte.