Inés Rey reiterará ao comité de empresa o respaldo incondicional do Concello para o mantemento do emprego e da actividade industrial na cidade
A alcaldesa, Inés Rey, acompañada polo resto de voceiros da corporación, recibirán mañá en María Pita, ás once da mañá, o comité de empresa de Alu Ibérica. Na reunión, solicitada pola Marea Atlántica, a rexedora trasladará novamente o seu apoio incondicional ás demandas do persoal traballador, e reclamará á empresa non só o mantemento do emprego, senón tamén que garanta a continuidade da actividade industrial na cidade, onde conta cunhas instalacións viables e punteiras nun sector cunha crecente demanda.
A rexedora non só esixirá responsabilidades aos actuais propietarios da planta de A Grela, senón tamén a Alcoa, especialmente despois de que o xulgado confirmara que non se teñen cumprido as condicións para venda estipuladas no seu momento. “Non existe ningunha razón para o peche da factoría, as instalacións da Grela son competitivas, estratéxicas para o país e viables economicamente, especialmente nun momento como o actual de recuperación da demanda internacional de materia prima”, indicou Inés Rey.
A corporación trasladará o apoio unánime ás e os traballadores e ás súas demandas, como xa ten feito no pleno en anteriores ocasións. A alcaldesa da Coruña tense reunido non só co comité de empresa, senón tamén coa rexedora de Avilés, Mariví Monteserín (onde a planta de aluminio atópase nunha situación semellante á coruñesa) para facer un fronte común para evitar o peche das factorías. Con ese mesmo fin a alcaldesa tense dirixido tamén a todas as Administracións con competencias para que tomen as medidas oportunas que garantan a continuidade da factoría.