Friday 22 de November de 2024

Ordes inaugurará mañá a súa I Feira de Oportunidades


A recentemente remodelada praza de abastos converterase no maior escaparate para as mellores ofertas en téxtil, calzado, bixutería, agasallos etc. Tamén haberá obradoiros de chocolate para nenos, nenas e adultos
Ordes 25 febreiro 2015. Mañá terá lugar a inauguración da I Feira de Oportunidades de Ordes, e que durante os tres vindeiros días ofrecerá unha ampla variedade de novidades e produtos variados ao mellor prezo. Unha cita comercial que se desenvolverá ininterrompidamente ata o sábado no espazo polivalente situado no primeiro andar da recentemente remodelada praza de abastos. En total serán 13 firmas comerciais que ofrecerán o mellor do seu en moda, agasallos, artesanía, zapatería, bixutería, marroquinería, alimentación etc.
Durante a feira e en horario de tarde tamén se levarán a cabo obradoiros temáticos de chocolate, dirixidos aos menores e adultos que previamente formalizaran a súa inscrición. Ademais de charlas e encontros Pablo Pena, responsable de impartir este obradoiro e coñecido polo seu traballo á fronte da panadería Milagros, elaborará distintas receitas con este delicioso produto. Para iso cóntase tamén coa colaboración da firma de chocolates Valrhona.
A través desta cita veciños, veciñas e visitantes poderán coñecer de primeira man as novas dependencias de uso público, que ademais contan cunha excelente localización no centro da vila. O Concello de Ordes pretende darlle un uso continuo e variado tendo en conta as propostas e iniciativas populares e veciñais. Feiras, mercados temáticos, eventos culturais ou de tipo culinario son algunhas das opcións posibles.