O obxectivo deste recoñecemento que cada ano outorga a Consellería de Cultura, Educación e Universidade é poñer en valor os méritos académicos acadados, froito do esforzo e o traballo realizado ao longo da etapa
A Xunta de Galicia vén de facer público os galardoados cos Premios Extraordinarios de Bacharelato correspondentes ao curso 2020/21, un total de 20 estudantes aos que se lles recoñece os méritos excepcionais polo excelente resultado académico acadado baseado no esforzo e no traballo realizado ao longo da etapa.
A listaxe de galardoados dos 20 galardoados (12 homes e oito mulleres) pode consultarse no Diario Oficial de Galicia. Cada un deles recibirá 1.000 euros ademais dun diploma acreditativo, e a distinción será anotada no seu expediente académico.
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade convoca cada ano este galardón co fin de recoñecer o esforzo, traballo e aproveitamento académico dos estudantes que rematan a etapa de Bacharelato nun centro docente da Comunidade, ben na modalidade presencial ou na modalidade a distancia, e que obtivesen unha nota media do Bacharelato igual ou superior a 8,75 puntos.
A maiores tiveron que superar unha proba específica estruturada en dúas partes: a primeira delas consistía nunha análise e comentario crítico dun texto sobre un tema de carácter xeral, histórico, filosófico ou literario, e en responder cuestións de carácter cultural ou lingüístico sobre un texto na Primeira Lingua Estranxeira cursada polo alumnado como materia xeral do bloque de materias troncais do Bacharelato.
A segunda parte consistiu no desenvolvemento de temas, respostas a cuestións ou exercicios prácticos dunha materia xeral do bloque de materias troncais cursada polo alumnado a elixir entre Matemáticas II, Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II, Latín II e Fundamentos da Arte II.