Friday 22 de November de 2024

A parroquia de Xaviña contará cunha EDAR tras aprobarse en pleno esta demanda histórica da veciñanza


· Trátase dun dos proxectos enmarcados na segunda fase do Plan Único da Deputación da Coruña, xunto á mellora e humanización no lugar de Mourín e o arranxo das rúas Pías e Liñares, así como as súas transversais en Ponte do Porto.

· Aprobouse tamén o recoñecemento extraxudicial de crédito e a Conta Xeral do exercicio 2020.

O Concello de Camariñas aprobou onte, venres 24 de setembro en sesión plenaria, os investimentos da segunda fase do Plan Único da Deputación da Coruña por valor de 157.847,58 euros. A parroquia de Xaviña contará cunha EDAR e daráselle traza así unha demanda histórica da veciñanza.

Este punto levouse adiante por unanimidade, cos votos a favor dos concelleiros e concelleiras do goberno local, o Partido Popular e o Bloque Nacionalista Galego. En total, o ente provincial aportará ao Concello de Camariñas a través desta liña de investimentos (Plan Único 2021) un total de 583.931,56 euros.

Unido a este proxecto, executaranse tamén os de mellora e humanización no lugar de Mourín e tamén o arranxo das rúas Pías e Liñares, coas súas transversais, en Ponte do Porto.

Polo tanto, levarase a cabo a instalación dunha EDAR no núcleo de Xaviña, que servirá para dar servizo arredor de 250 veciñas e veciños. Posteriormente a isto, levarase a cabo a conexión á rede existente de augas fecais e á rede xeral de pluviais. O funcionamento desta instalación non precisa ningún aporte externo de enerxía, dado que o espazo no que se decidirá instalar a mesma é un dos puntos máis baixos de Xaviña. Circulará, pois, por gravidade aproveitando a enerxía xerada polo desnivel do terreo.

Trátase dun sistema óptimo e natural para a depuración das augas residuais procedentes de pequenos e medianos grupos de poboación, e supón un primeiro paso para, nun futuro, executar conseguintes conexións e dotar a novos núcleos de poboación dun servizo acorde ás necesidades actuais.

En tanto en canto á mellora en Mourín, o obxectivo primeiro será renovar a pavimentación e a sinalización viaria para aumentar así as prestacións e condicións da seguridade dos peóns. Procederase, para isto e de maneira inicial, a limpar os bordes e as cunetas existentes a ambas marxes das pistas, para instalar unha rede de tubaxes e sumidoiros para recoller a evacuación de pluviais.

Unha vez realizados estes traballos, preparase o firme a pavimentar e a execución do pavimento final con aglomerado. Sinalizarase con pintura branca reflectante para diferenciar dunha maneira óptima as áreas de ocupación dos peóns e a dos vehículos a motor.

No que respecta ao arranxo das rúas Pías e Liñares, así como das súas transversais en Ponte do Porto, repararanse as rúas urbanas, mantendo o acabado en aglomerado asfáltico, xa que presenta un estado defectuoso e considérase prioritario levar a cabo un mantemento de xeito urxente.

Resto de puntos a tratar

Noutros dos puntos a tratar no Pleno da corporación, aprobouse o recoñecemento extraxudicial de crédito por un importe total de 53.833,54 euros, cos votos a favor dos membros do goberno local, dúas abstencións do Partido Popular e unha do Bloque Nacionalista Galego.

Tamén houbo unanimidade na aprobación da Conta Xeral do exercicio 2020, que pon de manifesto a xestión realizada nos aspectos económicos, financeiro, patrimonial e orzamentario do Concello de Camariñas