Friday 22 de November de 2024

Feijóo garante que todos os afectados pola hepatite C terán tratamento de acordo aos criterios médicos


“Este Goberno só ten un criterio, o criterio dos médicos e ese criterio ampara polos seus principios bioéticos e polos seus principios deontolóxicos todos os pacientes en Galicia, en función da súa patoloxía, do seu estadio e do protocolo”, asevera

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, garantiu hoxe no Parlamento que todos os afectados pola hepatite C terán tratamento de acordo aos criterios médicos. “Todos os afectados galegos terán os tratamentos de acordo cos criterios médicos e as evidencias científicas. Este Goberno só ten un criterio, o criterio dos médicos e ese criterio ampara polos seus principios bioéticos e polos seus principios deontolóxicos todos os pacientes en Galicia, en función da súa patoloxía, do seu estadio e do protocolo”, aseverou.

Nesta liña, Feijóo salientou que en Galicia estanse a tratar aproximadamente mil persoas cos fármacos que sinala a comunidade científica: “Desde o ano 2012 ata o 24 de febreiro deste ano o Servizo Galego de Saúde autorizou 975 tratamentos, o 98% dos solicitados. E, en relación aos tratamentos novos, estaban autorizados o 98% tamén dos tratamentos solicitados”.

En resposta ás preguntas dos grupos no Pleno da Cámara galega, o responsable autonómico asegurou que Galicia adoptará todas as decisións do plan nacional e actuará de forma inmediata de acordo aos criterios que se asentan para toda España. “Todos os conselleiros de Sanidade do Sistema Nacional de Saúde adoptaron os dous criterios establecidos: primeiro, que serán os criterios dos expertos baseándose nas evidencias científicas os que decidan os tratamentos; e, segundo, aprobar un plan nacional para tratar, protocolizar e acreditar estes tratamentos en función das doenzas deses pacientes”, dixo, ao que engadiu que a Comunidade galega implementará de xeito inmediato os consellos do comité científico; “e imos tratar de forma inmediata a todos e cada un dos pacientes que sinale ese comité de expertos”, incidiu.

Sobre este punto, Feijóo fixo fincapé en que en 2012 o Sergas creou unha subcomisión de farmacia para a hepatite C formada por un grupo de expertos, “que son os únicos que deciden os tratamentos”. “Estamos a falar dun secretario, que non vota, de seis médicos do Sistema galego de Saúde e unha subdirectora de farmacia do Sergas. Polo tanto: un funcionario e seis facultativos -dous especialistas en medicina interna dedicados ao transplante hepático, un especialista en medicina interna dedicado a infectoloxía, dous especialistas do aparato dixestivo dedicados a hepatoloxía e un farmacéutico hospitalario especializado en enfermidades víricas-. Estes son os expertos que deciden”, precisou.

Durante a súa intervención, Feijóo garantiu o compromiso do Goberno galego cos servizos públicos e, neste eido, avanzou que neste 2015 haberá 2.000 novas prestacións de axuda a domicilio e un incremento do 45% dos obradoiros de emprego.

“Nesta semana sacáronse 20.500 prazas de garderías públicas, 500 prazas máis que o ano pasado e case 4.000 prazas máis que en 2009”, engadiu, logo de precisar no eido sanitario que, neste 2015, o 50% dos galegos acudirán a un hospital ou centro de saúde novo ou reformado na súa área de influencia, e no ano 2016 será o 70% dos galegos os que poidan acudir a un hospital ou centro de saúde novo ou reformado. “E acreditamos, tamén, que os profesionais do Sergas atenderon 300.000 consultas máis que no ano 2009, fixeron 28.000 intervencións cirúrxicas máis que no ano 2009 e hai 90.000 persoas menos esperando nas consultas dos hospitais”, matizou.

Así mesmo e no eido da Xustiza, lembrou a posta en marcha do novo edificio xudicial de Ourense, que supuxo un investimento de 18 millóns de euros e que conta con máis de 14.000 metros cadrados distribuídos en nove plantas. Ten capacidade para 24 xulgados e 16 salas de vistas, con espazos para os servizos de rexistro civil, Imelga, oficina de atención ao cidadán e á vítima, colexios profesionais, servizos de notificacións e embargos, etc. e dará servizo a máis de 200 profesionais.