Friday 22 de November de 2024

O Concello de Fene anuncia a retirada de fondos de Abanca


O Goberno local do Concello de Fene informou esta mañá da súa intención de iniciar de inmediato a retirada dos fondos depositados en Abanca, marcando ademais como obxectivo a medio prazo a cancelación da conta aberta na entidade financeira, a principal para as operacións municipais. A decisión tómase como medida de presión e protesta a raíz do peche da sucursal de San Valentín, que deixou sen atención presencial a unhas 3.500 persoas usuarias do barrio e das zonas limítrofes, pero tamén obedece ao incumprimento do acordo verbal alcanzado co Concello para manter os dous caixeiros situados na oficina clausurada a comezos do verán.

O Concello de Fene ten nestes momentos en Abanca un saldo medio que ronda os 2 millóns de euros, ademais de xestionar a través desta entidade o pagamento de nóminas e ter domiciladas nela as transferencias doutras Administracións. “Ao longo do ano hai un volume importante de transaccións económicas. Pero se Abanca opta por deixar tirada a unha parte non menos importante da nosa veciñanza, o Concello debe poñerse do lado da xente e actuar en consecuencia”, advertiu Juventino Trigo. “Non se trata dun ultimátum, senón dunha decisión meditada que responde coa mesma contundencia ás decisións que no seu día tomaron os responsables de Abanca mentres nos enganaban a nós e aos veciños dicíndonos que a oficina de San Valentín non ía pechar”, engade o alcalde.

O rexedor comenta, por outra banda, que Abanca tamén “faltou á súa palabra” no compromiso de manter os dous caixeiros da antiga oficina de San Valentín e de adaptalos para que neles se puidesen facer tanto retiradas de efectivo como outro tipo de operacións. “Había dous caixeiros, un novo e outro vello. O que fixeron foi retirar o máis moderno, que era o adaptado para persoas con mobilidade reducida, e deixar o barrio cun único caixeiro obsoleto. Non sería de extrañar que a primeiros de mes, cando máis cartos se sacan, puideran producirse momentos de falta de billetes, algo inaceptable que repercutiría nas persoas usuarias e nos pequenos negocios da zona”.

Ante a actual situación -que Concello e veciñanza intuían xa desde comezos do verán-, o Executivo local decidiu iniciar un proceso de “desvinculación total” coa entidade bancaria que se fará “de maneira progresiva”, indica o responsable de Facenda, Manuel Polo.

Así, nun primeiro momento retiraranse os fondos líquidos negociando con outras entidades as condicións do seu traspaso a contas que o consistorio xa posúe. Ademais tamén se darán “os pasos necesarios” para ir cancelando os produtos contratados con Abanca e comunicándolle á Deputación, a Xunta e o Estado cales son os novos números de conta en que deberán ingresar axudas e outros fondos que percibe o Concello con regularidade.

Os servizos económicos municipais tamén lle trasladarán aos distintos departamentos o novo número da conta principal, de cara a tramitar a través del os ingresos de taxas e prezos públicos de recadación municipal. Neste sentido, para a cidadanía “será un proceso transparente”, precisa Manuel Polo. “Por exemplo, quen teña domiciliado o pagamento de escolas municipais non notará ningún cambio, e a quen vaia facer calquera tipo de ingreso a favor do Concello xa se lle facilitará a nova conta en que deberá facelo”.

En calquera caso, o obxectivo último do Concello é cancelar a conta en Abanca “o antes que se poida, paso a paso e sen que iso ocasione inconvenientes no funcionamento diario”.