Friday 22 de November de 2024

A Xunta avanza no novo marco para o ocio nocturno, que incluirá o Certificado Covid para optar ao nivel máximo de compromiso


― O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantivo unha reunión con representantes do sector na que perfilaron o protocolo que rexerá a reactivación dos locais de ocio nocturno a principios de outubro

― O novo marco pretende dar estabilidade ao sector independentemente da incidencia da covid no lugar no que opere o establecemento, como xa se acordara coa hostalería

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avanzaron hoxe con representantes do ocio nocturno os aspectos máis relevantes do protocolo de reactivación do sector, un novo marco que garanta estabilidade aos empresarios e seguridade os clientes e que permitirá ampliar tanto o nivel de ocupación como os horarios.

O ditame do Tribunal Supremo que dá a razón á Xunta no uso do certificado covid permitirá establecer distintos niveis de ocupación, de tal maneira que no máximo nivel de compromiso será necesario que os clientes presenten dito certificado de vacinación. Con todo, e para garantir a máxima seguridade xurídica, a Xunta solicitará o aval do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) antes de poñer en marcha esta medida acordada co sector.

A intención é ter activado este novo marco a principios do mes de outubro, dando así por superada unha etapa na que o ocio nocturno foi un dos sectores máis prexudicados pola pandemia. O vicepresidente primeiro subliñou que o obxectivo é “recuperar a normalidade” botando man do certificado covid, se a xustiza o autoriza, e doutras medidas sanitarias que se incluirán no protocolo.

Do mesmo xeito que coa hostalería, o novo marco pretende dar estabilidade ao sector independentemente da incidencia da covid no lugar no que opera o establecemento, de tal maneira que cada local optará a un nivel dependendo das medidas implantadas e non supeditado ao mapa de incidencia da pandemia.

A Xunta estivo de lado dos representantes do ocio nocturno nos meses difíciles da pandemia nos que tiveron que ter os seus locais pechados. Para axudalos nesas difíciles circunstancias e compensalos polo peche, o Goberno galego habilitou 8,8 millóns de euros en axudas desde o inicio da pandemia.

Por outra banda, os negocios do sector poden optar tamén ás catro liñas de axudas postas en marcha pola Xunta para que a hostalería poida adaptarse ao novo escenario, cun total de 16 millóns de euros que permitirán aos seus responsables dotarse de recursos tecnolóxicos, mellorar a súa dixitalización, levar a cabo accións de promoción ou fidelizar os seus clientes, entre outras medidas.