Saturday 16 de November de 2024

Inés Rey: “Hoxe gañamos máis espazos de calidade para as persoas, as rúas son para vivilas”


O Concello abre a rúa Pintor Joaquín Vaamonde tras as obras de reforma levadas a cabo para humanizar a vía, que presentaba un estado moi deteriorado

A alcaldesa, Inés Rey, asistiu hoxe a apertura á cidadanía da rúa Pintor Joaquín Vaamonde tras as obras de reforma levadas a cabo na vía dentro do Plan municipal Coruña Camiña. “Damos un paso máis na nosa aposta por unha mobilidade sostible e segura; esta actuación é unha mostra máis de que a cidade camiña cara a unha nova mobilidade coa recuperación de novos espazos dignos para vivir, saudables e prósperos”, dixo, e engadiu que “xa non hai marcha atrás, a cidade avanza na súa transformación cumprindo os obxectivos de mobilidade sostible que marca a ONU”.

A alcaldesa falou dunha rúa que mudou a súa fisionomía, unha rúa nova con máis luz, froito dunha humanización que permitiu mellorar o espazo urbano “porque as rúas son para vivilas”. O Goberno local, afirmou, aspira a conseguir unha cidade máis amable, con un tráfico máis calmado, onde o espazo público sexa un espazo de calidade. “Estou segura de que a reforma desta rúa vai satisfacer a veciñanza do barrio”, dixo.

“Unha reforma que cambia a vida das veciñas e veciños e dos comerciantes xa que non só permite pasear a veciñanza, senón que serve para lles dar maior visibilidade aos pequenos negocios”, dixo.

A alcaldesa lembrou esta mañá que nestes dous primeiros anos de mandato traballouse intensamente para dotar a cidade de máis espazos peonís dentro do Plan Coruña Camiña, un plan para acadar unha cidade sostible e segura, inclusiva e cunha maior cohesión social e igualdade de oportunidades no uso e goce do espazo público.

Unha mobilidade, dixo, que leva aparellada un cambio de modelo de cidade no que xa estamos inmersos, e que se resume nun Plan Coruña Camiña con máis de 35 intervencións cun investimento de máis de 7 millóns de euros e cun denominador común: máis espazo para as persoas, máis zonas verdes e máis espazos de convivencia. Os proxectos, explicou, continuarán no que queda de mandato. Redactáronse para a súa licitación en 2021 máis de 40 proxectos por valor de máis de 16 millóns de euros.

Rúa Pintor Joaquín Vaamonde
A reforma desta rúa contempla a implantación da plataforma única e un aumento considerable da zona peonil. Non queda restrinxida a circulación dos vehículos. Antes da actuación as beirarrúas non cumprían coa normativa de accesibilidade, e o seu espazo era invadido polos coches.

A vía presenta agora unha imaxe totalmente renovada con novo pavimento e servizos públicos. Canto á estética da vía conta con novo mobiliario urbano e xardineiras con plantas. Instaláronse bancos e bancos-alcorque deseñados de forma específica para a rúa.

Ademais de facilitar a estancia da veciñanza, servirán para impedir os estacionamentos indebidos. Tamén se reformou a iluminación pública. As prazas de residentes situadas na rúa non se perderon, senón que se moveron a outras vías da contorna.