Monday 25 de November de 2024

O consultorio médico de Abellá reabrirá as súas portas este martes 28 de setembro


A Xerencia de Atención Primaria de Santiago confírmalle ao Concello de Frades a reapertura, no mesmo horario que antes da pandemia

O consultorio médico de Abellá volverá a abrir as súas portas á veciñanza este martes 28 de setembro e continuará prestando os seus servizos no mesmo horario de antes da pandemia da Covid-19, é dicir, martes, xoves e venres polas mañás. Así llo vén de confirmar a Xerencia de Atención Primaria de Santiago ao alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, quen agradece que se cumpra co comprometido hai meses.

“Levamos tempo mantendo conversas coa Xerencia e dicindo que tiñamos o seu compromiso de que o consultorio médico de Abellá volvería a abrir as súas portas despois do verán. E finalmente así vai ser”, explica Roberto Rey, quen indica que “na última reunión mantida a principios de setembro xa nos adiantaron que a reapertura estaba próxima, se ben ata o de agora non nos puideron dar unha data concreta”. Así, lembrou que “dende que comezou a crise da Covid-19, o Concello estivo facendo traballos de mantemento e limpeza no consultorio para que agora poida volver a estar operativo de seguido”.

De feito, antes do propio martes, o Concello de Frades fará unha pequena actuación no interior do consultorio para que as instalacións poidan acondicionarse conforme aos protocolos anti-covid. “Ao final demóstrase que todo o que levamos dicindo sobre o consultorio médico de Abellá era verdade: que a Xerencia non se plantexaba o seu peche e que era tan so un peche temporal durante a pandemia”, sinala o alcalde fradense.