O alcalde, Pablo Lago Sanmartín, fai un chamamento á prudencia: “sabemos que todo o mundo está desexando ir de festa pero todos temos que manter o sentidiño e seguir os protocolos xa coñecidos: máscara, distancia social e hixiene”
Todo listo en Brión para dar comezo á Romaría de Santa Minia que, tras un ano de suspensión pola pandemia, volve a celebrarse entre o 24 ao 27 de setembro. Hoxe remataron de instalarse as cinco polbeiras que tradicionalmente ofrecen os seus servizos na Romaría, onde tomar o polbo é case tan obrigatorio como visitar á Santa; colocouse o alumeado na Carballeira e se acondicionou a parcela que acollerá os concertos nocturnos. De feito, nos últimos días non foron poucos os que xa quedaron xantar na zona.
O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, amosa a súa satisfacción pola celebración da Romaría de Santa Minia, “pois é un paso adiante máis cara recuperar esa normalidade que todos desexamos”, pero fai un chamamento á prudencia a todas as persoas que teñan previsto achegarse polo municipio nos próximos días: “sabemos que todo o mundo está desexando ir de festa pero todos temos que manter o sentidiño, seguimos nunha situación sanitaria especial e temos que seguir os protocolos xa coñecidos: máscara, distancia social e hixiene”.
Circulación e aparcamentos
Por esta razón, a edición de 2021 da Romaría de Santa Minia será moi especial e presentará moitas novidades, condicionadas pola pandemia da Covid-19. A máis sorprendente é que non se pechará en ningún momento a avenida de Santa Minia, nin sequera o luns 27 de setembro, Día de Santa Minia. Alberto Álvarez, coordinador da Romaría, explica que “este ano non se permitirá o emprazamento de postos de venda na avenida de Santa Minia e manteranse todos os espazos de aparcamento, que estarán debidamente sinalizados”.
Así, dos 150 postos que tradicionalmente participaban na Romaría tan só asistirán este ano 35: de alimentación (rosquillas, embutidos…), artigos relixiosos (velas, figuras, cereiros…) e dúas cantinas, que estarán todos eles emprazados na propia Carballeira de Santa Minia.
As actividades culturais de carácter familiar terán lugar ás 18:00 horas na praza do Concello de Brión, con entrada libre ata completar aforo. Trátase do Mago Romarís con Maxia Potásica (venres 24), Pistacatro con “Oh Olimpiadas!” (sábado 25), Lohengrin Teatro con “A mirada das Bolboretas” (domingo 26) e Odaiko con “Tempos modernos” (luns 27).
Os concertos adiantan a súa hora de celebración ás 20:00 (salvo o de mañá venres, que será ás 20:30 horas) e terán lugar nunha finca próxima á carballeira, na que tradicionalmente se colocaban as atraccións para os nenos e nenas, que este ano non estarán operativas. O acceso aos concertos farase a través de entrada, que xa foron reservadas durante esta semana. As actuacións son Grupo América de Vigo (venres 24), Manoele de Felisa (sábado 25), Carapaus e Os D´Abaixo (domingo 26) e da Banda Municipal de Música de Brión (luns 27). O acceso aos espectáculos pecharase 15 minutos antes do seu inicio, de forma que as cadeiras que queden baleiras poderán ser ocupadas por persoas sen entrada previa, de acordo á hora de chegada.
Outra novidade é que non terá lugar a tradicional queima da fachada, para evitar a concentración dos milleiros de persoas que cada ano se daban cita na carballeira para este evento. No seu lugar terá lugar unha tirada de fogos de artificio simultánea dende Brión, Bastavales e Viceso, de forma que poderá ser vista dende todos os recunchos do municipio e de forma segura.
Os que non sufrirán ningún tipo de cambio, máis aló do cumprimento da normativa anti-covid vixente, son os actos relixiosos. A novena terá lugar do 17 ao 25 de setembro, ás 9:00 e 20:00 horas. O sábado 25 haberá tres sesións especiais: 18:00, 19:00 e 20:00 horas. O Domingo (Véspera), haberá oficios tanto de mañá (9:00, 10:00, 11:00, 12:00 e 13:00 horas) como de tarde (18:00, 19:00 e 20:00 horas). Unha mesma programación que se repetirá o Día de Santa Minia, coa misa solemne ás 13:00 horas e unha sesión máis ás 17:00 horas.
Programación venres
A Romaría de Santa Minia abrirá as súas portas mañá venres 24 de setembro, ás 18:00 horas, coa actuación do Mago Romarís na praza do Concello, onde porá en escena “Maxia potaxia”. Ás 20:30 horas, concerto do Grupo América de Vigo.