Monday 25 de November de 2024

O Ciclo da Xunta “O País das Bandas” chega o sábado a Carral coa Banda de Música Sementeira de Cambre


A iniciativa, enmarcada na programación cultural do Xacobeo, ten como obxectivo impulsar a recuperación da actividade das bandas na Comunidade

O ciclo O País das Bandas, promovido pola Xunta e a Federación Galega de Bandas de Música Populares no marco da programación cultural do Xacobeo 21-22, chega o sábado a Carral, cun concerto da Banda de Música Sementeira de Cambre. A actuación terá lugar ás 12,30 horas no Campo da Feira.

Esta formación musical preséntase oficialmente en 1986 e conta con bandas xuvenil e infantil. Ademais creou varios grupos de cámara e unha nova agrupación, a Big Band. Dirixida por Jesús Sánchez Montero, na actualidade suma preto dun cento de compoñentes.

O repertorio previsto para o sábado inclúe as pezas Maribel, El Camino Real, Enrique López e Fantasía sobre tres temas galegos. Soarán tamén Bagaxes, A miña Burriña, Viloria e Muiñeira dos Pendellos.

O País das Bandas arrincou o pasado 1 de xullo e percorrerá Galicia ata o 30 de setembro con case un cento de concertos a cargo de 77 agrupacións que suman máis de 3600 músicos. O obxectivo é impulsar a recuperación da actividade das bandas na Comunidade, como grandes depositarias da tradición musical galega.

A iniciativa desenvólvese ao abeiro do acordo asinado o pasado maio entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Federación de Bandas, mediante o que a Xunta cuadriplicou a súa colaboración con este colectivo, cunha achega de 400.000 euros.