Os traballos, cun prazo de execución de 6 meses e un investimento de 343.539 euros, supoñen a actuación sobre un total de 9.252 metros cadrados
O Concello da Coruña informa da licitación da segunda fase da área de rehabilitación integral Dos mariñeiros, cun presuposto de 343.539,75 euros, tras a aprobación do expediente na última Xunta de Goberno Local. Con esta actuación, o Executivo municipal, a través da Concellaría de Infraestruturas, renovará un total de 9.252 metros cadrados de espazos públicos no barrio.
As obras incluirán a renovación de firmes e beirarrúas, a adecuación das redes existentes de abastecemento de auga potable e rego ás necesidades actuais e futuras, e a instalación dun sistema separativo de augas fecais e pluviais e das canalizacións de subministración eléctrica, iluminación pública, gas, telefonía e telecomunicacións. O proxecto ten un prazo de execución de 6 meses.
Esta actuación súmase á iniciada o ano pasado que, cun presuposto de 203.892 euros, supuxo a intervención nunha superficie de 1.621 metros cadrados nos que se realizaron traballos de renovación de pavimentos, iluminación, saneamento e recollida de pluviais.