Friday 22 de November de 2024

A Xunta de Galicia salienta no Centro de Día da Asociación Vontade o traballo das entidades dedicadas a mellorar a autonomía das persoas maiores


— O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou hoxe as instalacións, situadas en Tomiño

— O Goberno galego achega a través da liña de axudas do 0,7% do IRPF 46.000 euros para a elaboración do programa de trasporte adaptado para os usuarios deste servizo

— Ademais, o Executivo autonómico vén de incrementar o número de prazas públicas deste servizo a 17 coa contratación de dúas novas, o que suporá un incremento de máis 26.000 euros no investimento anual

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou hoxe aos usuarios do centro de día da asociación Vontade, dedicada a potenciar as capacidades das persoas con discapacidade a través de diversos obradoiros que abranguen desde a lectura de actualidade e informática, manualidades ou actividades de ocio. A Xunta de Galicia achega a través da liña de axudas do 0,7% do IRPF un total de 46.000 euros para o financiamento do programa de trasporte adaptado para os usuarios deste centro.

Fernando González Abeijón salientou o traballo que as asociacións de persoas con discapacidade levan a cabo para conseguir unha autonomía e unha mellora da calidade de vida das persoas que máis o precisan. Ademais, fixo fincapé en que para elas a práctica diaria destas actividades supón exercitar e mellorar as súas capacidades, que é moi positivo e necesario.

O director xeral aproveitou para percorrer as instalacións, nas que a Xunta de Galicia vén de contratar dúas novas prazas, o que suporá un incremento da achega pública autonómica de máis 26.000 euros anuais. Con este aumento ascenden a un total de 17 as prazas subvencionadas nestas instalacións grazas a un investimento de máis de 225.000 euros.