O Concello de San Sadurniño recibiu este mércores a visita dunha representante da Fundación Juana de Vega para avaliar os argumentos paisaxísticos cos que o noso municipio busca repetir e mesmo mellorar os resultados obtidos o ano pasado no certame Vilas en Flor. San Sadurniño conseguiu daquela unha Flor de Honra, que é o distintivo co que se puntúa -poden recibirse ata cinco- o coidado e progresiva ampliación dos espazos verdes e outras accións ambientais conducentes, á súa vez, á mellora da calidade de vida da veciñanza. Ademais de todo o que xa se mostrou na edición anterior, na presente o Concello engade novidades que se levaron a cabo nos últimos meses, como por exemplo a remodelación do parterre da Casa da Cultura, a colocación de árbores ornamentais diante da EIM A Rolada ou a posta en marcha da área de autocaravanas da Cortiña.
A Fundación Juana de Vega é a responsable en Galicia do proxecto internacional Vilas en Flor, en colaboración coas asociacións ASVINOR e AGAEXAR. Hai varias semanas o Concello remitiulles un completo documento que repasa todas as actuacións e o patrimonio verde dos que dispón o municipio, na liña de favorecer a integración da natureza nos espazos públicos, nomeadamente nos da zona máis urbana… aínda que aquí “verde” haxa por todas as partes.
O certame valora que os municipios definan políticas específicas neste sentido e que estas se leven á práctica, algo que en San Sadurniño xa leva anos facéndose. Aí está a recuperación dos xardíns do antigo Pazo da Marquesa, o adecentamento do entorno do Convento do Rosario, a creación do arboreto de especies autóctonas e da horta de conservación de froiteiras a rentes do paseo fluvial, a plantación de arborado ao longo de Marqués de Figueroa, etc., e programas como o da Feira da Plantación, a Feira Rural ou a convocatoria San Sadurniño en Flor, que convida a decorar fiestras, xardíns e balcóns con todo tipo de planta.
Porén, a maiores, no último ano tamén se fixeron algunhas cousas máis, entre elas a colocación dos grandes macetóns na zona da escola infantil e do centro de empresas, o arranxo do xardín dianteiro da Casa da Cultura e, unha das máis destacadas, a posta en marcha dunha área de servizos para autocaravanas nas inmediacións do Xubia. No dossier da candidatura sinálanse que só neste 2021, entre mantementos do que xa hai e novas actuacións materiais e de dinamización, o Concello investiu preto de 95.000 euros, cifrando en algo máis de 33€ por habitante o investimento en zonas verdes.
Por outra banda, o documento tamén incide en que a xestión dos espazos verdes responde a unha estratexia que combina a posta en valor dos lugares -publicación de folletos, visitas guiadas, acondicionamento de sendeiros, etc.- cun compromiso coa reciclaxe e o consumo racional de auga e enerxía (a área de autocaravanas funciona con placas solares, por exemplo), en cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030.
Na visita de onte explicáronselle estes aspectos á representante da Fundación Juana de Vega, quen se achegou tanto ás novas actuacións executadas desde o ano pasado como a outras que o xurado non visitara en 2020, como foi o caso da área recreativa da piscina.
Ao cabo do percorrido, o responsable de Turismo e Desenvolvemento local, Manolo Varela, expresaba a súa “boa impresión” sobre como pode resultar a participación de San Sadurniño no Vilas en Flor deste ano. “Penso que entre o dossier que lles mandamos e a visita que se fixo quedou bastante claro que somos un concello comprometido co ambiente, coa paisaxe e co paisaxismo. Ademais este ano engadimos algúns argumentos máis para volver obter polo menos unha Flor de Honra e con grandes posibilidades de sumar algunha máis”, apunta Varela.
O fallo do xurado coñecerase, posiblemente, no mes de novembro. Nesta edición de Vilas en Flor participan unha trintena de municipios galegos.