Friday 22 de November de 2024

Xunta e Ecoembes apóianse no sector turístico para mellorar as cotas de reciclaxe e avanzar nunha Galicia máis verde e sustentable cada día


— Esta acción comprende o reparto de illas para a reciclaxe de envases e papel-cartón entre os asociados, así como cursos e actividades formativas en materia de sustentabilidade e cambio climático

— O Goberno galego quere complementar con esta iniciativa a campaña ‘Camiño da Reciclaxe’, presente nos hostais e albergues do Camiño de Santiago

A Xunta e Ecoembes artellaron hoxe unha nova colaboración apoiándose no sector turístico para mellorar as cotas de reciclaxe e avanzar nunha Galicia más sustentable e verde cada día.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asinou esta mañá co Clúster de Turismo de Galicia e Ecoembes un acordo de colaboración para promover a reciclaxe no sector.

Segundo manifestou Vázquez Mejuto, trátase dun colectivo moi importante no tecido económico de Galicia, polo que o seu apoio e colaboración ten que ser constante, pois é un aliado para conseguir que a reciclaxe estea presente no día a día dos cidadáns.

Grazas á colaboración ratificada esta mañá, entregaranse illas e contedores para a reciclaxe de envases lixeiros (colector amarelo) e papel-cartón (colector azul) ao Clúster de Turismo, e este faraos chegar aos seus asociados. Tamén se porán en marcha cursos e actividades formativas en materia de sustentabilidade e cambio climático.

O presidente do Clúster, Cesáreo González Pardal, destacou que a organización que representa sempre apostou pola sostibilidade e brindou a colaboración das 66 asociacións que aglutina para avanzar na transformación do sector.

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente indicou que as accións que se recollen no convenio asinado esta mañá son un xeito de complementar e renovar iniciativas e actuacións, tamén coas empresas privadas, que xa están en marcha.

A modo de exemplo, citou a campaña Camiño da Reciclaxe, tamén en colaboración con Ecoembes, cuxo obxectivo é concienciar aos miles de peregrinos da importancia de evitar o lixo na natureza e nos diferentes itinerarios do Camiño de Santiago e de darlle unha nova vida a un refugallo, a través da reciclaxe e da recuperación.

Esta visión tamén foi compartida polo director de Xestión local e autonómica de Ecoembes, Ángel Hervella, quen sinalou que grazas a esta acción se chegará a máis de 8.000 establecementos.

Galicia avanza no bo camiño
Por último, a conselleira salientou que as cifras de reciclaxe na Comunidade son un bo indicador dos resultados deste tipo de iniciativas e “invitan a seguir por ese camiño”.

Indicou que nos últimos cinco anos se incrementou nun 42% o número de contedores amarelos e nun 13% os contedores azuis, pois é importante ofrecer puntos de depósito para facilitar a reciclaxe e avanzar cara a unha Galicia máis sostible.

Grazas en boa parte a esta rede, en 2020 recolléronse 71.130 toneladas de envases lixeiros e de papel-cartón na Comunidade; é dicir, cada galego depositou, de media, 14,6 quilos de residuos no contedor amarelo e 14 quilos no de papel-cartón, case dous quilos máis en total que no ano anterior.