Saturday 16 de November de 2024

O Goberno local cambiará o sentido de circulación da rúa Río Tambre para mellorar a mobilidade na zona da Falperra


A concelleira de Tráfico e Mobilidade, Begoña Freire, reuniuse coa asociación de veciños e comerciantes do barrio, aos que trasladou o seu compromiso de atender esta solicitude

A concelleira de Tráfico e Mobilidade, Begoña Freire,
visitou o barrio da Falperra para reunirse coa asociación de veciños e comerciantes para estudar novos proxectos e analizar o bo resultado que tiveron outras iniciativas que se puxeron en marcha e que favorecen a accesibilidade dos peóns, así como a creación de aparcadoiros para motos e de zonas de carga e descarga.
O Concello da Coruña atenderá a proposta da Asociación de Veciños e Comerciantes Falperra para cambiar a dirección da rúa RíoTambre, que na actualidade se realiza dende Juan Castro Mosquera en dirección á rolda de Nelle, o que ocasiona movementos de tráfico non desexados nestas rúas residenciais debido aos vehículos que tratan de evitar o semáforo da rolda de Nelle.
A concelleira de Mobilidade destacou que esta solicitude de veciños e comerciantes do barrio
axústase ás directrices marcadas polo Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), que recolle na súa proposta de xerarquización viaria, que as rúas Río Tambre e Río Miño, así como outras vías do seu ámbito, se integran no viario de tráfico calmado que debe reservarse á circulación local. Begoña Freire comprometeuse a atender esta proposta, polo que se modificará a sinalización horizontal e vertical da rúa Río Tambre e das outras vías afectadas nas inmediacións, e outros cambios vinculados á variación do sentido do tráfico na zona, como os accesos a vaos, a visibilidade en interseccións e o aparcadoiro de residentes.
Begoña Freire aproveitou a súa visita ao barrio para analizar con veciños e comerciantes
outros cambios para mellorar a mobilidade na Falperra:
. A concelleira avaliou coa asociación o funcionamento da zona de carga e descarga compartida das rúas Doutor Fleming e Inés de Castro, onde se constatou o éxito desta iniciativa posta en marcha hai uns meses e que consistiu en fixar de 08.00 a 11.00 horas o aparcadoiro de carga e descarga (Doutor Fleming), mentres que o resto do día é estacionamento en rotación. Estas zonas de carga-descarga compartidas sinalizáronse con novos paneis de 60 x 90 centímetros e co mesmo criterio tamén se reordenou recentemente a rúa Fernández Latorre, en Catro Camiños, neste caso compartindo o estacionamento con residentes.
. Mellora de visibilidade na intersección das rúas Juan Flórez e División Azul. Dispúxose un estacionamento de motos antes do paso de peóns que se encontra no cruzamento de ambas as dúas rúas, que ademais de atender as demandas dos motoristas mellora a visibilidade do cruzamento ao impedir que estacionen turismos ou furgonetas. Engadiuse así mesmo unha praza para persoas con mobilidade reducida.
. Begoña Freire e a asociación de veciños e comerciantes tamén analizaron a execución doutras actuacións realizadas no barrio, como as melloras de accesibilidade levadas a cabo nas paradas de autobús de Pla e Cancela, Costa da Unión, Juan Flórez (colexio Labaca), Tenente Xeral Gómez Zamalloa e melloras en ramplas de pasos de peóns. Avaliouse tamén como influirá no barrio a posta en marcha das escaleiras mecánicas de Mestre Clavé, auténtico revulsivo para a mobilidade peonil e que contribuirá a potenciar a actividade do barrio e a revalorizalo, eliminando a barreira que supoñía a gran diferenza de altura existente entre Juan Flórez e as rúas Juan Castro Mosquera e Sinforiano López.