O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, abordou hoxe co alcalde de Culleredo, José Ramón Riobóo, os proxectos de maior interese para este municipio coruñés, entre os que está o proxecto de rehabilitación da antiga fábrica de Cros para instalar nunha das naves un centro de economía circular, entre outras distintas opcións de uso.
Neste senso, Feijóo expresoulle ao rexedor o desexo de que esa iniciativa de 29 M€ –e que aspira a captar fondos Next Generation– conte cun compromiso real tamén por parte do Goberno central.
Por outra banda e en materia de infraestruturas, o máximo mandatario galego avanzoulle a aprobación mañá no Consello da Xunta do decreto de utilidade pública das expropiacións para o proxecto de itinerario peonil e ciclista na AC-214, ademais de melloras de seguridade vial na AC-523.
Na reunión, ambos dirixentes avaliaron tamén a conversión en CIPF do IES Universidade Laboral, que permite reforzar a especialización deste centro nas familias profesionais de Actividades Físicas e Deportivas e de Enerxía e Auga, e no que están previstas intervencións en 2021-2022 por valor de máis de 530.000 euros para mellorar as instalacións eléctricas e a cuberta.
Neste encontro tamén se abordou o establecemento dun convenio entre a Xunta e o Concello de Culleredo para a limpeza do cauce fluvial do Río Trabe e tamén se analizaron as necesidades de melloras bas instalacións da rede de abastacemento.
Por último, no que respecta ao Plan de reactivación dirixido aos sectores afectados pola pandemia, Feijóo salientoulle ao alcalde o feito de que as empresas deste concello coruñés se beneficiaron dun millón de euros das distintas liñas de axudas impulsadas, como a de liquidez ou o cheque dixital, entre outras.