Saturday 23 de November de 2024

A Xunta destinará 3,5M€ a actuacións de mellora nas infraestruturas turísticas dos concellos de ata 10.000 habitantes


― O Goberno galego pretende fomentar a recuperación, a accesibilidade e a sinalización dos recursos turísticos dos municipios galegos co obxectivo de consolidar a oferta turística nas zonas rurais

― O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asinou co alcalde de Muíños un convenio para mellora a pasarela do complexo turístico-deportivo do Corgo que, ao igual que esta liña de axudas, busca poñer en valor as infraestruturas turísticas do municipio

― A orde forma parte do paquete de novas medidas de apoio ao sector turístico galego, dotado de case 16M€ de euros para continuar a inxectar liquidez ao sector turístico

― O Goberno galego destinará este ano uns 120M€ para apoiar a reactivación do turismo galego, entre os 31,2M€ das distintas convocatorias de axudas e os case 90M€ abonados aos hostaleiros a través dos dous primeiros Plans de Rescate

A Xunta destinará 3,5 millóns de euros a concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora nas súas infraestruturas turísticas. A orde ten como obxectivo fomentar a recuperación, a accesibilidade e a sinalización dos recursos turísticos destes municipios para consolidar a oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística.

Así o explicou hoxe o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, durante a sinatura co alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, dun convenio de colaboración para a mellora da pasarela do complexo turístico-deportivo do Corgo. A través deste acordo, a Xunta financiará con 120.000 euros as actuacións nesta infraestrutura para conectar as distintas instalacións desta área recreativa como o centro de acollida a visitantes, os albergues ou o centro de interpretación do parque natural.

As actuacións deste convenio buscan valorizar os recursos turísticos do municipio, precisamente o mesmo obxectivo da orde de axudas de 3,5 millóns de euros destinadas aos concellos de ata 10.000 veciños.

Estas subvencións publicadas o pasado venres financiarán o embelecemento dos accesos aos recursos turísticos e da súa contorna con actuacións de recuperación e tratamento paisaxístico; coa instalación ou mellora da iluminación ornamental; coa creación ou acondicionamento de miradoiros paisaxísticos, sendeiros ou rutas ou mediante a adecuación dos espazos para o estacionamento de vehículos. Tamén se actuará nos bens declarados de interese cultural ou en proceso garantindo a súa protección, por exemplo, co embelecemento de vías, o ocultamento de contedores de residuos ou a eliminación de cableado aéreo e antenas de comunicación.

Esta orde financia tamén a posta en valor turístico dos recursos dos municipios beneficiarios a través da súa rehabilitación ou restauración para dedicalos a usos turísticos, así como coa recuperación de elementos etnográficos ou da arquitectura tradicional. Ademais, apoia a mellora da accesibilidade a estes recursos coa eliminación de barreiras arquitectónicas e da súa sinalización con elementos integrados de forma respectuosa coa contorna. O importe máximo de subvención que se abonará a cada concello de ata 10.000 habitantes beneficiario será do 100%, cunha contía máxima de 30.000 euros.

Trátase doutra das liñas do paquete de axudas ao sector que a Xunta aprobou este mes para inxectar outros 16 millóns de euros neste ano ao turismo galego. Este investimento inclúe xunto con esta orde para os concellos de ata 10.000 habitantes, 350.000 euros para as axencias de viaxe que xa está tamén publicada.

Ademais, nos próximos días publicaranse outras dúas convocatorias dotadas con 6 millóns de euros cada unha, unha delas para subvencionar equipamentos poscovid como medidores de calidade do aire de locais de hostalería e aloxamentos, e outra para fomentar a promoción e dixitalización destes negocios.
Este paquete de axudas de case 16 millóns de euros únese ás postas xa en marcha ao longo deste ano destinadas ao impulso da hostalería e a industria turística galega por un total de case 120 millóns de euros. Por unha parte, os 31,2 millóns de euros das distintas convocatorias destinadas a apoiar a colectivos do sector turístico, concellos ou asociacións, entre as que se inclúen as 4 deste último paquete e, por outra, os case 90 millóns de euros abonados aos hostaleiros galegos a través dos dous primeiros Plans de Rescate da Xunta.

Alfonso Rueda destacou que este apoio, xunto con medidas pioneiras como o seguro coronavirus, ou campañas de promoción como Camiña a Galicia, contribuíron a que Galicia estea de moda neste Xacobeo 21-22 e se superasen neste verán tódalas expectativas e tamén na chegada de peregrinos co obxectivo de superar as 140.000 Compostelas este ano e acadar esa cifra xa no próximo mes de outubro.