Saturday 16 de November de 2024

Os xardíns de Meirás acollerán unha exposición en homenaxe a Pardo Bazán por iniciativa da Xunta


— Román Rodríguez anuncia esta mostra e salienta que con esta acción se seguen dando pasos de cara a devolver a esencia deste espazo coa que foi concibido

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia está traballando nunha mostra que poderá visitarse nos xardíns das Torres de Meirás sobre o legado de Emilia Pardo Bazán e que porá en valor este inmoble como “espazo de democracia, cultura, defensa da muller, igualdade e do legado da súa creadora”, expresou.

No transcurso da inauguración dun congreso internacional na Coruña sobre a escritora, Román Rodríguez salientou que esta acción -que itinerará despois por distintas vilas e cidades galegas- enmárcase no compromiso do Goberno autonómico por continuar dando pasos de cara a converter este espazo “nun faro da igualdade e recuperar o espírito co que no seu día foi concibido”.

Neste sentido, referiuse ao consenso que fixo posible ir dando pasos significativos no último ano para “cumprir a vontade da escritora e poder achegar este espazo ao patrimonio público”, en referencia á reapertura á cidadanía este verán dos seus xardíns. O responsable de Cultura da Xunta de Galicia reiterou a dispoñibilidade do Goberno autonómico a seguir avanzando na apertura das Torres de Meirás e definir as liñas de cooperación para xestionalas nun futuro.

Investigadores de 40 universidades
Xunto ao reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, Román Rodríguez inaugurou esta mañá o congreso internacional Emilia Pardo Bazán no seu centenario. Literatura e vida nos séculos XIX, XX e XXI, que forma parte dos distintos actos conmemorativos do centenario da autora que se están a celebrar durante todo o ano.

O conselleiro agradeceu á Universidade da Coruña a posta en marcha desta iniciativa que servirá para analizar durante os próximos catro días todas as facetas da vida e obra da escritora da man dunha escolma de investigadores de ata 40 universidades de todo o mundo que, ademais, poderán “coñecer de primeira man a súa residencia, que é unha prolongación da súa obra e da súa visión do mundo”, indicou.

O congreso celebrarase na súa cidade natal ata este sábado 25 de setembro e súmase ás preto de 40 iniciativas que se están a programar durante todo o ano para poñer en valor o legado de Pardo Bazán. É unha programación, extensa, variada e plural que nace da implicación e compromiso de máis dunha trintena de institucións e entidades de Galicia, do resto de España e de Estados Unidos que colaboran nestas atividades.

Entre as iniciativas previstas, destaca a exposición levada a cabo pola Xunta, a Biblioteca Nacional de España (BNE), Acción Cultural Española (AC/E) e a Comunidad e Madrid en colaboración coa Real Academia Galega (RAG) e o Concello da Coruña. Tras o seu paso por Madrid, chegará á Coruña este outono e reunirá máis de 200 pezas entre manuscritos, libros impresos, gravados e fotografía, entre outros.