· O Museo MAN acollerá unha exposición fotográfica ata o 31 de outubro e celebraranse roteiros, recreacións históricas, un mercadiño mariñeiro e concertos.
A Asociación Naufraxios Galegos, en colaboración co Concello de Camariñas, a Asociación de Veciños de Camelle ‘A Pergoliña’ e a Confraría de Pescadores de Camelle, organiza o programa de actividades conmemorativas polos máis de 124 anos do naufraxio do buque City of Agra, encallado nos baixos do Canesudo, en Arou, e que tiña por destino a cidade india de Calcuta.
Durante os días 15, 16 e 17 de outubro terá lugar, segundo a propia organización, “o meirande programa cultural adicado a un naufraxio en Galicia’ e que arrincará coa da exposición fotográfica no Museo MAN, aberta ao público desde o día 2 de outubro, e que estará presente neste espazo ata o 31 do mesmo mes.
O día 15 de outubro arrinca o programa ás 10:00 horas coa inauguración do evento cultural coa apertura da carpa que acolle a Feira Mariñeira. Durante a xornada desenvolverase unha visita guiada á exposición fotográfica previamente mencionada, a degustación do ‘I Concurso de tapas coas especias do City of Agra’, ou a recreación dunha palillada na carpa da feira Mariñeira. Os locais de hostalaría participantes no evento gastronómico son: O Colmado d’Arou, A Molinera, O Estanco, o bar-restaurante Rotterdam, o café-bar Marítimo e a pastelaría Perla.
Durante o sábado 16 de outubro celebrarase un roteiro animado dos náufragos do City of Agra, con punto de partida no miradoiro de Lobeiras, en Arou e con remate no Campo Santo de Camelle. Ás 13:00 horas comezará un xantar popular para posteriormente acoller unha representación do desmalle da sardiña, entre o porto e a carpa da Feira Mariñeira. Retornará a degustación das tapas do evento gastronómico e ás 20:00 horas terá lugar o toque da campá, onde un grupo de nenos e nenas percorrerán as rúas de Camelle anunciando o naufraxio do buque anglosaxón. Ás 21:30 horas desenvolverase o acto da arribada dos naufraxios, desde a explanada do Museo MAN e ás 22:00 horas pecharase a Feira Mariñeira.
O domingo 17 de outubro repetirase a degustación do ‘I Concurso das tapas con especias do City of Agra’ e ás 12:45 terá lugar o acto simbólico de recepción de autoridades aos náufragos salvados polos mariñeiros de Camelle e Arou, e posterior entrega de medallas aos seus patróns polo Cónsul británico.
Ás 13:00 horas haberá un pasarrúas de despedida da veciñanza de Camelle aos náufragos, e ás 18:00 horas abrirase a furna para coñecer o establecemento gañador do I Concurso de tapas con especias do City of Agra, na carpa da Feira Mariñeira. Ás 20:00 horas do domingo clausurarase o programa.
Para inscribirse nos roteiros guiados, é necesario enviar un correo ao enderezo naufraxiosgalegos@gmail.com.
Corenta e dous superviventes
42 persoas sobreviviron ao naufraxio: 32 aloxados nas casas de Camelle, Camariñas e Arou e 10 salvados pola tripulación do vapor mercante británico Onega. A bordo do City of Agra ían 75 persoas.
Os veciños e veciñas de Arou e Camelle proporcionaron aos náufragos roupas, comidas, camas e prodigáronlle toda clase de atencións logo do desolador acontecemento.