Saturday 16 de November de 2024

O Centro Ágora acollerá en outubro o primeiro Congreso de Diversidade afectivo-sexual na Literatura


A concelleira de Igualdade, Yoya Neira, destacou na presentación a importancia de abrir espazos de debate sobre as situacións e problemáticas do colectivo LGTBI e que calquera persoa poida sentirse parte desta realidade

A concelleira de Igualdade, Yoya Neira, presentou este mediodía o primeiro Congreso de Diversidade afectivo-sexual na Literatura “Atoparse nos libros”, organizado por Les Coruña e que terá lugar o 9 de outubro no Centro Ágora. A concelleira sinalou que o evento é unha clara mostra da colaboración do Concello coas entidades LGTBI “nun momento no que cómpre incidir máis se cabe na loita polos dereitos e na protección do colectivo ante os últimos incidentes”. Neira destacou que a literatura é un vehículo fundamental na transmisión dos valores: “Abriranse espazos de debate sobre situacións e problemáticas importantes para as persoas do colectivo” nun espazo no que reinará a diversidade co fin de que calquera persoa poida sentirse parte desta realidade.

Engadiu que tanto a estrutura como a elección das e dos participantes responde a unha das prioridades do goberno de Inés Rey que é apoiar o sector cultural de Galicia, castigado pola crise da Covid. Ademais, concluíu que a cita permite referenciar A Coruña como o que sempre foi: unha cidade tolerante e aberta.

Pola súa parte, a presidenta de Les Coruña, Sandra López, subliñou que ao congreso asistirán escritoras do eido galego que tratan o tema da diversidade na súa obra ou sofren elas mesmas a intolerancia da sociedade. Por iso, é necesario visibilizar referentes directos e nos identificar para poder facer grupo e chegar á máxima poboación posible.

A xornada comezará así ás 11.00 horas cunha presentación dos eventos a cargo do presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez; a responsable de Les Coruña, Sandra López, e a concelleira Yoya Neira, que dará paso, ás 11.15 horas, ao Club Queer de lectura das Bibliotecas Municipais, que introducirá Bárbara G. Vilariño.

Ás 12.30 horas, catro expertas como Beatriz Maceda, Eli Ríos, María Rosendo e Eva Mejuto abordarán xunto coa moderadora Bárbara G. Vilariño cinco olladas sobre a diversidade sexual na literatura infantil e xuvenil, na poesía e na novela para persoas adultas. Xa pola tarde, terá lugar ás 17.00 horas “Dinamitar as marxes. A representación da diversidade afectivo-sexual na literatura”, na que participarán
Daniel Asorey, Nee Barros, Brigitte Vasallo e Andrea Nunes, da man da moderadora Bárbara G. Vilariño, e unha introdución de Sandra López. Durante todo o día, haberá unha representación da libraría Berbiriana, que porá á venda unha selección das obras das relatoras que asistirán ao evento.