Saturday 16 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño anima á mocidade a facer propostas para o Convenio de Transición Xusta das Pontes


O Ministerio para a Transición Ecolóxica ten aberto até o 27 de setembro un proceso participativo orientado á poboación con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos, ademais de programar un obradoiro virtual para o próximo 14 de outubro

 

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico lanzou hai uns meses unha consulta en liña dirixida a habitantes das zonas que, coma a nosa, se están vendo afectadas polo peche de centrais térmicas. Por medio desa consulta recolléronse ideas e propostas para levar a cabo iso que se deu en chamar “transición xusta” ou, mellor dito, os denominados “Convenios da Transición Xusta”, que son documentos nos que se recollerá a planificación dunha estratexia acompañada de finanzamento que permita reducir ao mínimo as repercusións deses peches. Os convenios buscan paliar o impacto sobre o emprego promovendo actividades alternativas que axuden a fixar poboación e que sexan sostibles desde o punto de vista social, económico e ambiental. A consulta culminada a comezos do verán estaba orientada principalmente a Administracións, colectivos sociais e poboación en xeral e, desde hai uns días, tamén está aberto un novo proceso pensado especificamente para a participación da mocidade entre 16 e 30 anos. As achegas poden facerse até o 27 de setembro nesta ligazón. Ademais, o 14 de outubro ás 18:00h tamén se celebará un obradoiro virtual para afondar nas propostas e prioridades que a mocidade considere necesario incorporar ao Convenio de Transición Xusta da nosa zona. Para sumarse ao taller hai que anotarse aquí.

Recapitulemos. Pouco antes de que comezase o verán que agora acaba, o Ministerio puxo en marcha unha enquisa coa que detectar potencialidades de futuro naquelas zonas onde o peche de térmicas e nucleares produciría -leva tempo producindo- serios descensos da actividade económica, principalmente en industrias e servizos auxiliares.

No no caso da clausura definitiva de Endesa As Pontes cóntase a incidirecta no emprego da propia central, no transporte de carbón, no traballo de compañías, nos tráficos do porto exterior, nas subministracións de equipamento, etc., e aínda está por analizar -xa que o descenso da actividade se solapou co provocado pola pandemia- de que maneira lle afectou á hostalaría da zona e a outro tipo de servizos que se ben non dependían da térmica, si tiñan boa parte do seu sustento na riqueza económica xerada arredor dela.

Naquel primeiro proceso de recollida de ideas para elaborar do Convenio da Transición Xusta (CTX) das Pontes partíase dun documento de base en forma de enquisa que cargaba as posibles respostas -dirixía máis ben- nas expectativas de futuro relacionadas coa xeración de enerxía e a industria pesada: produción de biomasa, plantas solares, eólica… pero moi pouco no potencial endóxeno vinculado coa xestión forestal ordenada, a agrogandeiría ou a transformación de produtos de calidade. De feito, estas omisións temáticas ocuparon boa parte da contribución do Concello de San Sadurniño ao informe de diagnose previo á elaboración da estratexia do CTX.

O proceso iniciado agora dirixido á mocidade e a xente nova de entre 16 e 30 anos segue un esquema participativo parecido pero algo máis simplificado, posto que non é necesario descargar e cubrir follas, senón que as achegas poden facerse a través dun pequeno formulario en liña que, desta vez si, xa incorpora como posibles valores da estratexia o forestal, a actividade agrogandeira e a transformación alimentaria.

Ben é certo que o cuestionario non ten o mesmo grao de precisión que o publicado antes do verán, pero contén suficientes indicadores xerais para pulsar a percepción da mocidade sobre a situación do seu entorno e cales serían os alicerces que, ao seu xuízo, deberían termar do futuro.

Ademais, os resultados desta enquisa –que se poderá cubrir até o 27 de setembro– seguramente sexan os que se tomen como base para ir directamente á formulación de propostas concretas, que a xuventude poderá expor nos obradoiros virtuais organizados en distintos días do mes de outubro polo Instituto para a Transición Xusta, o órgano ministerial que elaborará os convenios coas achegas recollidas en xullo e coas que defina agora a xente nova.

En Galicia o obradoiro virtual de participación desenvolverase o xoves 14 de outubro entre as 18:00 e as 20:00h, dándolle voz á mocidade dos 15 municipios da Coruña e 3 de Lugo afectados polos peches das térmicas de Meirama e As Pontes. Para formar parte do taller fai falla inscribirse previamente a través desta ligazón.

Para calquera dúbida ou consulta tamén se pode escribir a participacion_juvenil_CTJ@tragsa.es.

Desde o Concello de San Sadurniño anímase a toda a mocidade a que cubran a enquisa activa até o día 27 e que tamén se participe no encontro virtual do 14 de outubro, co obxectivo de que “o Ministerio tome nota da voz da nosa mocidade”, comenta Secundino García. “O que diga a xente nova debería ter tanto ou máis valor que o que digamos os que xa temos certa idade ou o que poidan dicir as Administracións. Ao fin e ao cabo os Convenios da Transición Xusta teñen que servir para reestruturar a economía da nosa zona a curto e medio prazo, momento no que serán elas e eles quen levarán o peso da comarca”, engade o alcalde.